Novas

Martes, Marzo 23, 2010

O ISSGA estivo presente na Feira da Construción de Galicia, SICO 2010.

O ISSGA estivo presente na Feira da Construción de Galicia, SICO 2010.

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) estivo presente na Feira da Construción de Galicia, SICO 2010, promovida pola Asociación de Promotores Inmobiliarios (APROIN), que se desenvolveu no IFEVI, Instituto Feiral de Vigo, entre os días 18 e 21 de marzo de 2010, converténdose durante eses días nun escaparate excepcional para o sector da promoción e a construción nacional.

O ISSGA puxo a disposición dos visitantes de SICO un stand no que se facilitou información sobre as distintas campañas, actividades e programas relativos á seguridade e a saúde laboral que desenvolve actualmente este organismo, tanto as destinadas á poboación en idade escolar, como aos traballadores, empresarios e a sociedade en xeral, dando cumprimento ao Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2006-2010 no que fai referencia á asistencia a feiras e encontros profesionais, co fin de promover e fomentar a prevención e implantar na sociedade galega unha auténtica cultura preventiva.

Cómpre destacar a última campaña de prevención de riscos laborais, cuxo lema é "Coa prevención de riscos no traballo a vida espérache. Fai da prevención un hábito", coa que pretende difundir e promover prácticas preventivas no ámbito laboral.

No posto tamén estiveron dispoñibles diversas publicacións, entre as que destacan as Follas de prevención que o ISSGA edita cunha periodicidade mensual sobre temas específicos de interese en prevención de riscos laborais.