Luns, Marzo 04, 2019
O ISSGA está presente na entrega dos premios PREVER 2018 en Bilbao
- O grupo CANO a xerente do ISSGA reciben a medalla de ouro ao mérito profesional das relacións industriais e as ciencias do traballo 2018
Bilbao, 2 de marzo de 2019. Durante os días 1 e 2 de marzo tiveron lugar en Bilbao as XXª Xornadas técnicas de prevención de riscos laborais e responsabilidade social e premios nacionais e internacionais de prevención "Prever 2018".
O Consello Xeral de Relacións Industriais e Ciencias do Traballo (CGRICT), consciente da importancia que ten a prevención dos riscos laborais no mundo das relacións industriais, procedeu á creación dunhas distincións denominadas “PREVER”, que grazas á colaboración das distintas Comunidades Autónomas, o Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo e os Institutos autonómicos de seguridade e saúde no Traballo, a Asociación Latinoamericana de Saúde Ocupacional ( ALSO), a AISS e a OISS, convertéronse nun referente dentro da prevención dos riscos laborais a nivel nacional e internacional.
Na edición deste ano, o ISSGA estivo dobremente representado, coa concesión da medalla de ouro ao mérito profesional das relacións industriais e as ciencias do traballo 2018 tanto á nosa xerente, Adela Quinzá-Torroja García, como ao Grupo CANO, formado por técnicos dos Institutos de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi.
Grupo CANO
Este grupo de traballo está composto por un grupo multidisciplinar de técnicos de prevención e de médicos de traballo dos institutos de seguridade e saúde laboral das catro comunidades autónomas antes indicadas que deu como resultado a publicación da Guía para a vixilancia da saúde no sector pesqueiro.
Trátase da primeira guía editada neste ámbito por estas 4 rexións logo dunha colaboración pineira que veñen desenvolvendo nos últimos anos no sector pesqueiro e establece novas liñas de traballo conxuntas que permitan reducir a sinistralidade laboral noutros sectores con características comúns nas catro comunidades autónomas.
Esta publicación nos eidos de seguridade, hixiene, ergonomía e psicoloxía aplicada e medicina do traballo puxo en valor a suma de esforzos para poder desenvolver este labor destacando que en todas as parcelas e sectores de actividade deben primar as sumas e as sinerxías que se crean ao traballar de maneira conxunta; deste xeito, acordouse dar continuidade ao traballo no sector pesqueiro e iniciar un traballo conxunto noutros sectores como o agrario e forestal.
Guía para a vixilancia da saúde no sector pesqueiro
A publicación foi desenvolvéndose en diferentes etapas. A primeira está dirixida ás flotas de baixura e artesanal; a segunda ás actividades de marisqueo a pé, extracción de recursos específicos e as actividades auxiliares á pesca; e a terceira está destinada ás artes de altura e gran altura. A fase final do traballo baséase na avaliación de riscos específica dun posto de mariñeiro que se desenvolve e define ao longo de toda a guía.
Entre os principais contidos que recolle o documento resaltan as probas e exploracións médicas concretas que permiten coñecer se as condicións de traballo afectan ao estado de saúde, facilitando ao persoal médico e de enfermería do traballo identificar de forma precoz a aparición de posibles danos e, polo tanto, dáselles a posibilidade de recomendar as medidas preventivas máis axeitadas no seu labor xunto co persoal técnico de prevención. Tamén proporciona instrumentos para a detección de enfermidades profesionais e relacionadas co traballo neste sector e define indicadores de seguridade e saúde no traballo, o que permitirá desenvolver estratexias de prevención e valorar o grao de consecución dos obxectivos marcados para mellorar as condicións de traballo do sector e os niveis de saúde e protección.
A guía pódese descargar na web http://issga.xunta.gal ou na páxina que crearon os catro institutos para este proxecto http://grupo-cano.com/, dispoñible en castelán, galego, euskera e inglés.