Venres, Xuño 13, 2014
O Issga está presente na 37ª edición da Semana Verde de Galicia
A feira Semana Verde 2014 contará con máis de 600 expositores directos, 68.250 metros2 e un programa con 176 actividades distintas.
O Issga participará neste evento, que é o maior certame multisectorial de mostras e lecer do noroeste peninsular, que se celebra do 12 ao 15 de xuño no recinto feiral da Fundación Semana Verde de Galicia en Silleda, mediante a difusión de dúas publicacións técnicas dirixidas ás empresas e traballadores e traballadoras do sector agrario que de seguido se indican:
Os Atende do Issga_Agro_Prevención de riscos nos traballos de limpeza e desinfección no sector agroalimentario
15 fichas para a prevención de risos laborais en traballos de limpeza e desinfección no sector agroalimentario.
Comeza coa definición dos produtos que conteñen algunha substancia química e cuxo uso inapropiado pode ser perigoso para a saúde humana, os animais ou o medio; indica a información das etiquetas destes produtos químicos perigosos, a ficha de datos de seguridade que debe poñerse a disposición dos usuarios profesionais na primeira entrega, como deben ser os locais de traballo seguros, as medidas preventivas en relación cos axentes químicos e biolóxicos, cales son as prácticas de traballo seguras, como deben ser as escadas que ás veces se utilizan nas tarefas de limpeza e desinfección, as medidas preventivas respecto da manipulación manual de cargas, sobreesforzos e movementos repetitivos, as características dos equipos de protección individual que se utilicen e unha relación da lexislación en materia de prevención de riscos, comercialización e uso orientada a traballos con produtos deterxentes, limpadores e biocidas.
Os Atende do Issga_Agro_Os produtos químicos no agro
9 fichas para sobre as medidas que se deben adoptar no manexo de produtos químicos no agro en relación coa prevención de riscos laborais.
Inclúe unha introdución sobre os produtos químicos que se utilizan nos lugares de traballo do mundo rural (gandería, agricultura, etc.), presenta os riscos no traballo con produtos químicos perigosos para a seguridade (explosións, incendios, ...) a saúde (intoxicacións, queimaduras, etc), para o medio (fauna, capa de ozono, ...), explica como saber se os produtos que se manipulan son perigosos así como recomendacións para evitar os riscos ao traballar con estes produtos, fai referencia a outras situacións nas que pode haber risos (traballos en espazos confinados, tarefas de limpeza de silos, ...) e remata cunhas indicacións básicas sobre primeiros auxilios e una recompilación da lexislación sobre produtos químicos e sobre prevención de riscos no traballo con axentes químicos perigosos.
Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014 e Plan de actividades do Issga
No Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014 recoñécese que a cobertura das necesidades preventivas é insuficiente en relación coas necesidades e demandas das empresas e das persoas traballadoras. Estas carencias son maiores no ámbito rural que, en xeral, correspóndense con actividades do sector primario, recolléndose como un sector de actuación preferente en materia de seguridade e saúde laboral o sector agro forestal.
En consecuencia co sinalado e para a execución das accións incluídas no convenio no marco do Plan de Desenvolvemento Rural Sostible, o Plan de actividades do Issga para o ano 2014 recolle no seu eixe “formación, difusión e sensibilización” un programa información e sensibilización no sector primario, polo que se busca a introdución da cultura preventiva e formación no ámbito rural, que ten como obxectivos programar e executar as accións formativas, elaborar material didáctico específico de apoio a ditas accións, e deseñar campañas sectoriais informativas e de sensibilización.
É necesario, por tanto, elevar o grao de sensibilización e coñecemento da importancia da prevención dos riscos laborais neste estrato produtivo, de especial importancia para economía de Galicia.
Polas dificultades antes mencionadas, as campañas divulgativas a desenvolver débense basear en materiais de fácil lectura e comprensión, tendo en conta a carencia de estrutura de empresa e, por tanto, de asesoramento directo en traballadores en grande medida autónomos.