Novas

Luns, Marzo 30, 2015

O Issga está presente en Bilbao na presentación da Estratexia vasca de seguridade e saúde no traballo para 2015-2020

O Issga está presente en Bilbao na presentación da Estratexia vasca de seguridade e saúde no traballo para 2015-2020

Bilbao, 30 de marzo de 2015. O subdirector xeral Técnico e de Planificación do Issga, Fernando González Abeijón, estivo presente hoxe en Bilbao durante a presentación da Estratexia Vasca de Seguridade e Saúde no Traballo 2015-2020, un documento que recolle as políticas e actuacións que desenvolverá Osalan en materia de prevención de riscos laborais durante ese período.

O acto foi clausurado polo conselleiro de Emprego e Políticas Sociais, Anxo Toña, que puxo en valor o esforzo e a vontade de entendemento de todo o equipo humano que interveu na elaboración da Estratexia, colaboración que tamén pediu a todos os actores que interactúan no mundo do traballo, a administración, as empresas, e os representantes dos traballadores.

Na presentación do documento, a directora de Osalan , Izaskun Urien sinalou que “o fin desta participación foi poder aliñar mellor os obxectivos, aproveitar as sinerxias e optimizar os recursos, así como mellorar a coordinación e a colaboración xa prevista en plans anteriores”.

Variables como as especificidades no tamaño das empresas, as condicións de traballo das mulleres, a discapacidade, os colectivos de maior idade, a conciliación da vida familiar e laboral e o envellecemento dos modelos produtivos, incluíronse na nova estratexia.

En Galicia está a traballarse actualmente na elaboración da nova Estratexia  Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2015-2020, co obxectivo de desenvolver coherentemente e de forma coordinada as políticas e actuacións en materia de prevención de riscos laborais na nosa comunidade autónoma.