Novas

Luns, Decembro 13, 2010

O ISSGA, en colaboración con ASINEC, edita a Guía de Boas Prácticas en PRL no sector eléctrico

O ISSGA, en colaboración con ASINEC, edita a Guía de Boas Prácticas en PRL no sector eléctrico

Os profesionais do sector eléctrico e de telecomunicacións e, en xeral, todos aqueles que están expostos ao risco eléctrico no desenvolvemento da súa actividade, van dispor a partir de agora da Guía de Boas Prácticas en Prevención de Riscos Laborais no sector Eléctrico. Esta publicación, editada polo ISSGA, en colaboración coa Asociación Provincial de Industriais Electricistas e de Telecomunicacións de A Coruña, ASINEC, presentarase o día 15 de decembro.

A Guía de Boas Prácticas no sector eléctrico é unha publicación innovadora polo seu estilo sinxelo e asequible, cuns contidos eminentemente prácticos, que analizan os danos producidos polo risco eléctrico, recompilan os conceptos e medidas preventivas e ofrecen pautas de actuación en situacións de emerxencia. A publicación inclúe, asemade, un decálogo de boas prácticas para un exercicio laboral máis seguro.

Ao acto de presentación da guía, que terá lugar o día 15 de decembro ás 19.30 horas na sede da Confederación de Empresarios de A Coruña, asistirán entidades e asociacións profesionais do sector. Contará coas intervencións do subdirector xeral Técnico e de Planificación do ISSGA, José Rega, e o xerente de ASINEC, Antonio Trincado, que presentará os contidos da publicación. O acto será clausurado polo presidente de ASINEC, Manuel Miñones, e a directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja.

ASINEC distribuirá a Guía de Boas Prácticas en Prevención de Riscos Laborais no sector Eléctrico ao conxunto das súas 350 empresas asociadas e aos máis de 3.000 traballadores que prestan servizo nelas. Tamén será distribuída ás asociacións que forman parte da federación nacional, por tratarse da primeira guía que se publica destas características, presentando unha recompilación de conceptos e recomendacións dun xeito práctico, directo e comprensible.