Novas

Martes, Xuño 17, 2014

O ISSGA elabora unha guía sobre os riscos ergonómicos específica para o sector da distribución de alimentos

O ISSGA elabora unha guía sobre os riscos ergonómicos específica para o sector da distribución de alimentos
  •  A publicación do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral presentouse hoxe nunha xornada técnica na Coruña e mañá darase a coñecer en Pontevedra
  • Na guía identifícanse os riscos que se poidan derivar da carga física deste traballo

A Coruña, 17 de xuño de 2014.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) vén de elaborar unha guía sobre os riscos ergonómicos específica para o sector da distribución de alimentos. A publicación presentouse hoxe nunha xornada técnica que se celebrou na Coruña e mañá darase a coñecer en Pontevedra.

Na guía estúdanse as condicións relativas á carga física de traballo e identifícanse estes ricos co obxectivo de previlos. Trátase dunha actuación que forma parte do Plan Estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014 e do Plan Anual de Actividades deste organismo. A distribución da alimentación é un sector con riscos ergonómicos (trastornos musculoesqueléticos) e psicosociais. Este sector conta cunha poboación laboral moi numerosa e, por iso, a Consellería de Traballo e Benestar decidiu realizar esta publicación co obxecto de analizar e investigar as causas e factores determinantes nos accidentes producidos por sobreesforzos e as enfermidades profesionais.

Na xornada técnica celebrada hoxe na Coruña, ademais de afondar sobre estes riscos ergonómicos, abordáronse tamén os riscos psicosociais e relativos á organización do traballo.

No primeiro relatorio, Rocío Seoane Farré, técnica de ergonomía do centro do ISSGA da Coruña, presentou a guía , explicando a súa estrutura e os puntos máis importantes, logo de facer unha pequena descrición das características dos accidentes por sobreesforzo nestes postos de traballo.

Na segunda intervención, Juan Carlos Fernández Arias, coordinador nacional do área de psicosocioloxía da Sociedade de Prevención Fremap, expuxo a problemática dos riscos psicosociais neste sector de actividade. Na xornada, ademais, tívose a oportunidade de coñecer as actividades que as empresas realizan para a prevención destes riscos, polo que, desta forma, conxugouse as recomendacións feitas polo ISSGA coa realidade do día a día das empresas. Deste xeito, dúas empresas punteiras no sector da distribución da alimentación, que colaboraron na elaboración da guía, expuxeron por medio de representantes dos seus servizos de prevención, os problemas que atopan e as solucións que propoñen para previr os riscos ligados ás condicións ergonómicas do traballo. A xornada rematou cun coloquio cos asistentes.