Novas

Luns, Agosto 30, 2010

O ISSGA elabora manuais e guías técnicas de prevención de riscos laborais para entidades locais, parques empresariais e pemes

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral publicará esta nova documentación no segundo semestre deste año

Editará tamén nos próximos meses diversa información referida á saúde laboral en sectores como o da pesca de baixura, o forestal, naval ou eléctrico

Nos seis primeiros deste ano, o organismo da Xunta publicou documentación técnica para o cumprimento da nova normativa

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, ISSGA, no marco do seu de Plan de Actividades do 2010, publicou no primeiro semestre do ano diversa documentación técnica sobre seguridade e saúde laboral, de utilidade para promover boas prácticas nesta materia nas empresas galegas.

Ademais, no segundo semestre do ano, o Instituto ten previstas novas publicacións para a prevención de riscos laborais en sectores como o da pesca de baixura, o forestal, naval ou eléctrico. Asemade, realizará accións de prevención e editará manuais e guías técnicas para entidades locais, parques empresariais e pequenas e medianas empresas.

Con respecto ás actividades desenvolvidas nos seis primeiros meses do ano co obxectivo de previr os riscos laborais e fomentar condutas preventivas, o ISSGA ampliou as súas follas de prevención editando novos exemplares sobre os riscos psicosociais, acoso laboral, doenzas profesionais ou riscos eléctricos no sector naval, entre outros.

Neste primeiro semestre, ademais, tamén se publicaron o Informe de Actividade e os datos de Sinestralidade Laboral, referidos ambos ao 2009, o primeiro ano completo de funcionamento do Instituto.

Entre as publicacións técnicas para a divulgación do cumprimento da nova normativa laboral destacan ‘Riscos por amianto: obrigas das empresas e dos traballadores’ , con información sobre a realización de traballos, nos que pode haber exposición ao amianto, con especial atención ao sector da construción; e ‘Os produtos químicos perigosos: A nova etiqueta’, que constitúe a primeira fonte de información sobre o risco químico do produto.

Nela indícanse cales son os novos elementos que deben figurar na etiqueta e como interpretar este novo sistema de comunicación do risco de acordo ao Regulamento CLP (Regulamento CE nº 1272/2008) sobre clasificación, etiquetaxe e envasado de substancias e mesturas, que é o que regula agora a clasificación e etiquetaxe dos produtos químicos perigosos.

É preciso lembrar que a partir do 1 de decembro deste ano as etiquetas das substancias perigosas terán que rexerse obrigatoriamente por este regulamento e a partir do 1 de xuño de 2015 tamén terán que facelo as etiquetas das mesturas de produtos químicos clasificadas como perigosas.

O ISSGA elaborou catro pósteres sobre risco químico, que conteñen información relativa ao novo sistema de clasificación e etiquetaxe de produtos químicos perigosos (Regulamento CLP). Neles recóllese información referida ao listado de indicacións de perigo e de concellos de prudencia, así como clases de perigo e as súas definicións básicas e elementos que deben figurar nas novas etiquetas.Tamén inclúense as definicións e división en categorías de perigo dos produtos químicos canceríxenos, mutaxénicos, tóxicos para a reprodución e sensibilizantes, e como serán identificados nas novas etiquetas.

Así mesmo, cabe destacar que con motivo do Congreso de Prevención de Riscos Laborais que tivo lugar en Valencia no mes de maio, o ISSGA presentou dous estudos sobre os ‘Accidentes de traballo por sobreesforzo’ e a ‘Saúde dos traballadores do sector agrario na provincia de Lugo’. O primeiro deles comprende a análise da información contida nos partes de accidente notificados durante un ano e a investigación, mediante visita á empresa, dun de cada dez accidentes pertencentes ao grupo de sectores de actividade de maior frecuencia de sobreesforzo.

Pola súa banda, no segundo informe reflíctense graficamente as condicións de traballo e patoloxías máis relevantes dos traballadores do sector agrario na provincia de Lugo. Trátase dunha actividade que nesta provincia ocupa a un importante número de traballadores, xa que hai en torno a 20.000 afiliados no sistema español de traballadores autónomos (SETA) / Réxime Especial Agrario (REA).

Todas as publicacións do ISSGA pódense consultar no seu portal web: http://www.issga.es/