Novas

Mércores, Maio 28, 2014

O ISSGA elabora fichas de investigación de accidentes laborais baseadas en situacións reais para evitar sinistros similares

  • A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, inaugurou hoxe en Lugo unha xornada técnica de presentación de estas fichas no sector agrario
  • Para levar a cabo esta iniciativa seleccionáronse os 19 sinistros laborais máis representativos pola súa frecuencia ou gravidade
  • O obxectivo desta medida da Consellería de Traballo e Benestar é divulgar as correspondentes medidas preventivas

 

Lugo, 28 de maio de 2014.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) vén de elaborar fichas de investigación de accidentes laborais baseadas en sucesos reais co obxectivo de poder con esta iniciativa sensibilizar aos traballadores e empresarios dando a coñecer situacións reais e divulgando as medidas preventivas que evitarían sinistros similares.

A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, inaugurou hoxe en Lugo unha xornada técnica na que se presentaron as fichas específicas de sinistros laborais no sector agrario. Para levar a cabo esta iniciativa, a directora do Instituto explicou que se seleccionaron aqueles 19 accidentes laborais máis representativos pola súa frecuencia ou gravidade ao tempo que se tivo en conta a investigación que realizaron os técnicos do ISSGA. Cada ficha conta con catro epígrafes: a descrición da actividade, do accidente de traballo, as súas causas e as medidas preventivas que se deberon adoptar para evitar o accidente.

Quinzá-Torroja sinalou que esta actuación forma parte do Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011-2014 que no seu sexto obxectivo destaca a importancia que ten a tarefa de investigación dos accidentes laborais, definindo como liña de actuación a análise da información das investigacións que se realizan e a posterior difusión dos resultados e as conclusións destes informes para evitar futuros accidentes. Para dar cumprimento a esta liña de actuación do Plan Estratéxico, o ISSGA incluíu no seu Plan anual de actividades a elaboración destas fichas de investigación, tal e como destacou a directora do Instituto.

A responsable do organismo, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, avanzou, ademais, que se está a traballar nun novo documento de características similares ás fichas, pero referido á investigación das enfermidades profesionais.

Na xornada técnica que tivo lugar hoxe en Lugo participaron as organizacións máis representativas do sector agrario e forestal, como é a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) e a Confederación de Empresarios da Madeira de Galicia (Confemadera-Galicia). O ISSGA está a traballar con ambas entidades en diversas accións informativas e formativas que teñen como obxectivo que os traballadores destes sectores, con gran incidencia na economía galega, melloren as súas condicións laborais.