Novas

Domingo, Febreiro 20, 2011

O ISSGA edita a primeira guía técnica de prevención de riscos laborais no sector da baixura dirixida a 15.000 mariñeiros

O ISSGA edita a primeira guía técnica de prevención de riscos laborais no sector da baixura dirixida a 15.000 mariñeiros
  • A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, Adela Quinzá-Torroja, presentou hoxe a publicación que promove e fomenta a formación dos axentes implicados na prevención
  • O manual, feito en colaboración co Servizo Mancomunado Mar Seguro de Galicia, estará a disposición dos traballadores nas confrarías
  • A Xunta está a manter encontros cos institutos de seguridade e saúde laborais de Asturias, Cantabria e Euskadi para avanzar no desenvolvemento conxunto de medidas para reducir a sinistralidade no sector pesqueiro

A Xunta de Galicia vén de editar a súa primeira guía técnica de prevención de riscos laborais no sector da baixura, dirixida aos traballadores que están organizados dentro das confrarías de pescadores de Galicia. En concreto, está destinada aos sectores da pesca, marisqueo e acuicultura que aglutina ao redor de 15.000 persoas cunhas características especiais de traballo en Galicia.

A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, presentou onte en Cambados (Pontevedra) o manual co que se persegue promover e fomentar a formación dos axentes implicados na prevención. A guía foi elaborada en colaboración co Servizo Mancomunado Mar Seguro de Galicia e as confrarías de pescadores.

Quinzá destacou que a guía vai dirixida ás persoas que traballan en embarcacións de pesca local (as que se afastan ata 10 millas máximo), nas de pesca litoral (afástanse ata 60 millas), aos auxiliares de acuicultura (os da carta lista) e aos mariscadores en xeral (tanto aos de a e aos que realizan o seu labor en barcos como aos que recollen recursos específicos nas praias e rochas).

Para elaborar a publicación, da que se editarán máis de 3.000 exemplares, a directora do ISSGA explicou que se tiveron en conta as peculiaridades dos diferentes ambientes mariños da costa galega, como poden ser o gran número de embarcacións existentes nun espazo reducido, a multitude de artes específicas que existen, os diferentes tipos de embarcacións. e a alta porcentaxe de traballadores autónomos.

A guía estrutúrase en tres bloques. O primeiro fai referencia a cuestións lexislativas e conceptos xerais da prevención de riscos laborais; o segundo céntrase en expoñer as diferentes artes de pesca de baixura, marisqueo e acuicultura que existen e os riscos asociados a eles así como as súas posibles solucións.

No último apartado da guía expóñense fórmulas para abordar situacións de emerxencias e consellos sobre primeiros auxilios.

A publicación foi elaborada por técnicos de prevención do Servizo Mancomunado Mar Seguro de Galicia e do ISSGA. “Trátase dunha ferramenta completa, sinxela e de fácil comprensión para mellorar a prevención de riscos laborais nestas actividades laborais”, apuntou Quinzá.

Os interesados en ter esta guía técnica poderán atopala nas sedes das confrarías de pescadores de Galicia. A iniciativa enmárcase no Plan Estratéxico para a Prevención de Riscos Laborais en Galicia 2011-2014 e no Plan de Actuación do ISSGA para o 2011.

Por último, a directora do ISSGA indicou que esta iniciativa se suma a outras que está a levar a Consellería de Traballo e Benestar en materia de prevención de riscos laborais no sector marítimo. Así, lembrou que na actualidade se están a manter encontros entre os institutos de seguridade e saúde laboral de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi para avanzar no desenvolvemento conxunto de medidas preventivas que permitan reducir a siniestralidade no sector pesqueiro.

Así mesmo, Adela Quinzá resaltou que están en marcha accións de formación e información dirixidas aos traballadores da baixura e do marisqueo dentro do acordo marco de colaboración que existe entre a Consellería do Mar, o ISSGA e a Federación de Confrarías en materia de prevención de riscos laborais no sector da pesca de baixura.