mércores, Novembro 13, 2013

O ISSGA edita o manual ‘Lembra: prevención de riscos na pesca’ con 21 fichas que recollen coñecementos para mellorar a seguridade

  • A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, presentou hoxe en Portonovo esta guía ás federacións galega e provinciais de confrarías de pescadores da comunidade autónoma
  • A publicación está enfocada de maneira didáctica, sinxela e práctica para os traballadores da pesca
  • Inclúe desde recomendacións para acceder ás embarcacións ata saltar a terra con seguridade para eliminar situacións de risco
  • En cada unha das fichas abórdanse as principais problemáticas e solucións preventivas das distintas temáticas

Sanxenxo (Pontevedra), 13 de novembro de 2013.- A Consellería de Traballo e Benestar, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), vén de elaborar o manual ‘Lembra: prevención de riscos na pesca’ que en 21 fichas moi gráficas recolle os principais riscos e medidas preventivas no sector da pesca, desde o momento do embarque ata o desembarque. A guía editouse en formato póster das 21 fichas e como libro.

A directora do Instituto, Adela Quinzá-Torroja, presentou hoxe en Portonovo a guía aos presidentes das federacións galega e provincias de confrarías da Comunidade autónoma. O manual trata de xeito integral os coñecementos básicos que deben ter os traballadores para acadar unha axeitada seguridade e aborda, individualmente en cada unha das fichas, as principais problemáticas e solucións preventivas das distintas temáticas do sector. “A guía está feita de maneira didáctica, sinxela e práctica para os traballadores da pesca aos que se dirixe”, apuntou.

‘Lembra: prevención de riscos na pesca’ inclúe desde as recomendacións para acceder ás embarcacións ata saltar a terra con seguridade para eliminar situacións de risco e evitar accidentes. Deste xeito, abórdase a colocación dos chalecos salvavidas, as cubertas de traballo e o uso das máquinas, aparellos ou instalacións. Así mesmo, inclúe medidas básicas sobre o risco eléctrico e a utilización de equipos de protección individual. Tamén contempla un módulo sobre sinalización, os equipos de salvamento e nocións sobre o cadro orgánico e de estabilidade das embarcacións. Por último, o manual recolle información sobre emerxencias, sistema mundial de socorro, incendio, pautas para abandonar un buque e primeiros auxilios.

A publicación enmárcase nas diferentes actuacións que está a desenvolver o ISSGA en colaboración coas confrarías de pescadores e os servizos de prevención mancomunado co obxectivo de reducir a sinistralidade no sector da pesca. En 2012 os accidentes laborais nesta actividade económica descenderon en preto dun 5 por cento.