Mércores, Xullo 08, 2026
O Issga e a USC avanzan nas actividades do Laboratorio de Riscos Psicosociais para reforzar a prevención destes riscos nas empresas galegas
Santiago de Compostela, 8 de xullo do 2026
O persoal do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) e do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da USC reuniuse na sede do Instituto para avanzar nas actividades do Laboratorio de Riscos psicosociais programadas para este ano.
Este laboratorio, creado no 2024, configúrase como un espazo de traballo especializado na investigación, desenvolvemento e innovación sobre diferentes aspectos relativos á PRL na procura de mellorar a saúde psicosocial das persoas traballadoras nas organizacións galegas. O obxectivo principal é aumentar o coñecemento e a comprensión dos riscos psicosociais, así como articular medidas para previlos.
En concreto, durante a reunión presentáronse varios estudos que recompilan o coñecemento e a evidencia científica actual e que permitirán ofrecer ás empresas e ao persoal traballador recursos para afrontar as demandas relacionadas co posto de traballo e recomendacións prácticas á hora de levar a cabo intervencións para a prevención do estrés laboral, así como boas prácticas para a promoción da saúde mental no traballo e a reincorporación ao traballo tras unha baixa.
A este traballo do Laboratorio hai que sumar outras actuacións do Issga dirixidas ao coidado da saúde mental como:
-
A participación no VIII Simposio Ibérico de Riscos Psicosociais, organizado pola Asociación Ibérica de Psicosociología no Traballo en colaboración co Issga e a USC, que terá lugar o próximo 17 de setembro en Santiago de Compostela.
-
A formación específica para persoal técnico de PRL sobre xestión de riscos psicosociais, que se levará a cabo nas catro provincias durante os meses de outubro e novembro.
-
As accións formativas e de sensibilización en liña coa campaña europea con horizonte 2028 baixo o lema “Xuntos pola saúde mental no traballo”.
-
A participación en grupos de traballo a nivel nacional.
Con estas iniciativas, o Issga continúa desenvolvendo as medidas previstas na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 e no seu Plan de actuación 2026, orientadas a reforzar a prevención dos riscos psicosociais, impulsar a saúde mental e promover o benestar laboral nas empresas.