Novas

Mércores, Agosto 22, 2012

O ISSGA E A UNIVERSIDADE DE VIGO DESENVOLVERÁN ACTIVIDADADES EN MATERIA DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS

Vigo, 22 de agosto de 2012.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) e a Universidade de Vigo colaborarán no desenvolvemento de actividades de formación, investigación e divulgación en materia de prevención de riscos laborais. Trátase dun acordo xeral que servirá de marco para inscribir posteriormente máis colaboracións en eidos de actuación máis concretos.

A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato de la Iglesia, asinaron recentemente un acordo marco de colaboración neste sentido. En concreto, este acordo fomentará a colaboración en actividades comprendidas no eido da seguridade e saúde laborais; así como na mellora das condicións de traballo e prevención de riscos laborais (PRL), mediante a achega da experiencia e coñecementos técnicos de ambas as dúas entidades.

Segundo explicou Adela Quinzá-Torroja, entre outras actuacións, búscase colaborar no desenvolvemento de actividades académicas, científicas ou doutra índole en materia de prevención de riscos laborais; na divulgación e difusión da cultura preventiva; en accións de concienciación e difusión; no mantemento dunha información compartida, constante e actualizada do estado e evolución das condicións de seguridade no traballo; así como na proposta de recomendacións e solucións preventivas, e no intercambio de información.

Entre as modalidades de participación propostas no acordo marco, destaca tamén o asesoramento mutuo a través da achega de coñecementos e experiencias técnicas; o desenvolvemento de programas de investigación e desenvolvemento; a edición conxunta de publicacións e documentos de traballo; e a cooperación en cantas outras actividades sexan consideradas de interese mutuo.

A sinatura deste convenio inscríbese tamén no Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais 2011-2014 do ISSGA, que establece entre outros obxectivos o de integrar a prevención dos riscos laborais de forma transversal no ensino universitario. Ademais, fixa entre as súas metas fortalecer a implicación das institucións e de todos os actores na mellora da seguridade e saúde no traballo.