Novas

Martes, Maio 24, 2011

O ISSGA e a UDC colaborarán en actividades de formación, investigación e divulgación en prevención de riscos laborais

A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, Adela Quinzá-Torroja, e o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja, asinaron hoxe un convenio de colaboración neste sentido.

O acordo establece un marco de actuación para cooperar na mellora das condicións de traballo, mediante a achega da experiencia e coñecementos técnicos de ambas as dúas entidades.

Este convenio servirá de marco para encadrar posteriores colaboracións en eidos máis concretos.

Santiago, 24 de maio de 2011.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) e a Universidade da Coruña (UDC) colaborarán no desenvolvemento de actividades de formación, investigación e divulgación en materia de prevención de riscos laborais. Trátase dun acordo xeral que servirá de marco para inscribir posteriormente máis colaboracións en eidos de actuación máis concretos.

A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, e o reitor da UDC, José María Barja, asinaron hoxe un convenio de colaboración neste sentido. En concreto, este acordo fomentará a colaboración en actividades comprendidas no eido da seguridade e saúde laborais; así como na mellora das condicións de traballo e prevención de riscos laborais (PRL), mediante a achega da experiencia e coñecementos técnicos de ambas as dúas entidades.

O fin deste convenio é realizar proxectos de forma conxunta. Entre outras actuacións, búscase colaborar no desenvolvemento de actividades académicas, científicas ou doutra índole en materia de PRL; na divulgación e difusión da cultura preventiva; en accións de concienciación e difusión; no mantemento dunha información compartida, constante e actualizada do estado e evolución das condicións de seguridade no traballo; así como na proposta de recomendación e solucións preventivas, e no intercambio de información.

Entre os obxectivos do convenio, destaca tamén o asesoramento mutuo a través da achega de coñecementos e experiencias técnicas; o desenvolvemento de programas de investigación e desenvolvemento; a edición conxunta de publicacións e documentos de traballo; e a cooperación en cantas outras actividades sexan consideradas de interese mutuo.

A sinatura deste convenio inscríbese tamén no Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais 2011-2014 do ISSGA, que establece entre outros obxectivos o de integrar a prevención dos riscos laborais de forma transversal no ensino universitario. Ademais, fixa entre as súas metas fortalecer a implicación das institucións e de todos os actores na mellora da seguridade e saúde no traballo.