Xoves, Abril 04, 2013
O ISSGA e o Colexio de Psicoloxía de Galicia colaborarán para á promoción de actuacións de seguridade e saúde no traballo
- A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, e Mª Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, subscribiron hoxe un acordo marco.
-
A sinatura inscríbese no Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014
-
Este acordo establece canles de colaboración para o desenvolvemento de actividades de información e formación en prevención de riscos laborais, así como na programación e coordinación das actividades desenvolvidas polo Colexio
Santiago, 4 de abril 2013.- A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, Adela Quinzá-Torroja, e Mª Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, subscribiron hoxe un acordo marco para a promoción de actuacións de seguridade e saúde no traballo.
Este acordo establece canles de colaboración para o desenvolvemento de actividades de información e formación en prevención de riscos laborais, así como na programación e coordinación das actividades desenvolvidas polo Colexio, co obxectivo de mellorar as condicións de seguridade e saúde no traballo, reducir os riscos laborais, e avanzar na investigación e fomento de novas formas de protección e promoción de estruturas eficaces de prevención.
Por mor da profesión á que se dirixe (psicólogos) esta colaboración, as actuacións que se realizarán serán principalmente na especialidade de psicosocioloxía aplicada. Entre as modalidades de colaboración propostas no acordo marco tamén se propoñen o intercambio de información en materia de seguridade e saúde laboral; a cooperación e asesoramento mutuo mediante a achega dos coñecementos e experiencia técnicos, a elaboración de materiais divulgativos e didácticos; a promoción da actividade investigadora e cantas outras accións que sexan consideradas de interese común.
Para o bo desenvolvemento das actividades obxecto do acordo marco establecerase unha Comisión Mixta, de composición paritaria, integrada por representantes de cada unha das institucións á que corresponderá a concreción, seguimento, interpretación e avaliación das accións derivadas do presente acordo. A subscrición do acordo non leva consigo ningún compromiso de gasto.
A sinatura deste acordo marco inscríbese no Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014 que constitúe o instrumento para establecer o marco xeral das políticas de prevención a curto e, sobre todo, medio e longo prazo. Este Plan establece entre os seus obxectivos o de fortalecer a implicación das institucións e de todos os actores na mellora da seguridade e saúde no traballo.