Xoves, Agosto 28, 2014
O ISSGA e o CETMAR desenvolverán 14 obradoiros sobre seguridade e saúde laboral dirixidos a traballadores do sector pesqueiro
Vigo, 17 de agosto de 2014.- O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR organiza ata o vindeiro outubro un total de 14 obradoiros gratuítos sobre aplicación da normativa e boas prácticas para a seguridade e saúde laboral, dirixidos a traballadores do sector pesqueiro.
Estes obradoiros terán unha duración de catro horas en horario de mañá ou de tarde e están pensados para grupos de entre 15 e 25 participantes. Con estes talleres o CETMAR participa na formación en materia de prevención de riscos laborais impartida polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) a traballadores do sector primario, no marco do Programa de Desenvolvemento Rural Sostible.
A formación está dirixida aos traballadores da pesca extractiva, que poderán refrescar os seus coñecementos e habilidades respecto ao uso do botiquín de a bordo e os protocolos de actuación en emerxencias, e a colectores de percebe a flote e a pe, cuxos talleres estarán centrados en mellorar os coidados músculo-esqueléticos para prever trastornos e presentar os diferentes equipos de protección individual dispoñibles.
As clases impartiranse nos concellos das zonas do Programa de Desenvolvemento Rural Sostible en Galicia, e programaranse de acordo coas entidades e confrarías de pescadores que están en contacto coas persoas beneficiarias desta acción formativa.
As entidades interesadas na celebración dun destes talleres nunha localidade e datas concretas deberán poñerse en contacto coa área de Formación da Fundación CETMAR (formacion [at] cetmar.org (formacion[at]cetmar[dot]org)), onde recibirán todos os detalles da convocatoria dos obradoiros que vai realizar o ISSGA proximamente.