Xoves, Novembro 12, 2009
O ISSGA e Medio Rural acometerán o próximo ano unha serie de actuacións no sector agroforestal
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) acometerá no 2010 xunto coa Consellería de Medio Rural unha serie de actuacións no sector agroforestal, encamiñadas a fomentar a prevención de riscos laborais e reducir a sinistralidade.
Así o sinalou hoxe a directora do Instituto, Adela Quinzá-Torroja, na clausura dunha xornada informativa sobre prevención de riscos laborais no sector agrario, organizada polo Grupo de Trabajo Sector Agrario da Comisión Nacional de Seguridad y Salud en el Trabajo (CNSST) en colaboración co ISSGA, que se celebrou no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela.
Na súa intervención, a directora do ISSGA subliñou a importancia de que a Enquisa Nacional de Condicións de Traballo no Sector Agropecuario, cuxos resultados foron presentados na xornada por Javier Pinilla, do departamento de Investigación e Información do INSHT, e o traballo dos profesionais da vixilancia da saúde axude “a tomar decisións” e a ser “eficaces e coxunturalmente correctos” en momentos complicados como o actual.
Para iso, fixo fincapé no amplo capital humano do ISSGA, que conta con profesionais con grande experiencia e con outros novos cunha ampla formación teórica e ilusión. “Temos que ser capaces de manexar esa dualidade para sermos quen de implantarnos na realidade de Galicia”, apuntou.
Pola súa banda, a xefa do Equipo Técnico de Medicina Laboral do centro do ISSGA da Coruña, Nieves Lorenzo, membro do Subgrupo Vigilancia de la Salud da CNSST, fixo un percorrido polos principais problemas que se atopan neste sector en relación coa vixilancia da saúde e as propostas dese colectivo de profesionais para unha maior implantación da mesma.
No encontro, que presentou a directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais da Consellería do Medio Rural, Alejandra Álvarez de Mon Rego, participaron, ademais, José Yanes, director do Secretariado da CNSST; Pedro Montero, director xerente da Fundación para la Prevención de Riesgos Laborales; Manuel Galindo, técnico de prevención do Instituto Canario de Seguridad y Salud Laboral; e José Luis Ponce de León, presidente do Grupo de Trabajo Sector Agrario, da CNSST.