Xoves, Agosto 30, 2012
O ISSGA e a FEGAMP colaborarán para mellorar a prevención dos riscos laborais
Este acordo abre unha canle de colaboración entre administracións, dando cumprimento ao Plan Estratéxico para a prevención de riscos laborais 2011-2014, que recolle actuacións orientadas a promover a colaboración e coordinación coa administración local, co apoio e asesoramento aos concellos para a efectiva implantación da súa xestión preventiva, e o fomento de boas prácticas nesta materia no seo das administracións públicas.
Coa sinatura desta colaboración preténdese estreitar as relacións entre administracións, concretamente para o desenvolvemento de actividades de información e formación en prevención de riscos laborais no ámbito da administración local.
Entre as accións formativas e de divulgación que o ISSGA desenvolverá especificamente dirixidas ao persoal das entidades locais, e que se recollen no acordo marco están:
• A elaboración dunha unidade didáctica, orientada prioritariamente á formación e sensibilización das persoas responsables ou con competencias na xestión e organización dos recursos humanos nos concellos e demais entes da Administración local.
• O desenvolvemento da formación derivada de dita unidade didáctica na aula virtual do ISSGA.
• A elaboración doutros materiais divulgativos e didácticos relacionados coa difusión e promoción da prevención dos riscos laborais.
• A realización doutras accións de concienciación, sensibilización e difusión en materia de prevención de riscos laborais.
Tamén se dará a coñecer aos traballadores da administración local a posibilidade de recurrir ás outras actividades formativas e de asesoramento que leva a cabo o ISSGA.