Mércores, Xullo 24, 2013
O ISSGA e a Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo fomentarán a prevención de riscos laborais no sector da pesca
- A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja e o presidente da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (Arvi), Francisco Javier Touza, asinaron hoxe un acordo de colaboración
- As actuacións que se levarán a cabo incidirán na pesca litoral, de altura e gran altura
- O Instituto realizará estudos epidemiolóxicos e cursos de formación específicos en materia de seguridade e saúde laboral a bordo de buques de pesca
Redondela (Pontevedra), 24 de xullo de 2013.- A Consellería de Traballo e Benestar e a Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI) colaborarán en materia de prevención de riscos laborais no sector da pesca litoral, altura e gran altura co obxectivo de reducir neste eido os índices de siniestralidade laboral. Para iso, a directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, e o presidente da Sociedade Cooperativa Galega, Francisco Javier Touza, asinaron hoxe un acordo marco de colaboración para desenvolver diversas actuacións neste ámbito.
Así, levaranse a cabo, entre outras actividades, o fomento da prevención de riscos laborais nos traballadores e traballadoras do mar, así como a mellora na elaboración e seguimento de plans de prevención e protocolos de actuación. O acordo asinado hoxe tamén inclúe a realización por parte do ISSGA de actividades de información e cursos de formación específicos en materia de seguridade e saúde laboral a bordo dos buques de pesca e o desenvolvemento de estudos epidemiolóxicos.
Ademais, a través desta iniciativa, poranse en marcha a realización de informes estatísticos e estudos nos que se formulen propostas de actuación ao sector e ás administracións competentes. Tamén achegarase información ao ISSGA para a elaboración da Guía de vixilancia da saúde litoral, altura e gran altura.
En definitiva, e, segundo explicou Quinzá-Torroja, o acordo de colaboración busca establecer os canles para o desenvolvemento de actividades para a prevención de riscos laborais, utilizando como principal instrumento o servizo de prevención mancomunado da cooperativa, por ser o órgano de asesoramento idóneo para a prevención dos riscos no traballo.
“Faremos, ademais, especial fincapé nas actividades de coordinación de actividades preventivas”, apuntou a directora do ISSGA, ao tempo que enmarcou a sinatura do acordo coa cooperativa dos armadores no Plan Estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014. “Neste documento sitúamos á pesca como unha actuación prioritaria, tanto con actuacións de promoción e colaboración como de seguimento e control do cumprimento das obrigacións derivadas da normativa de aplicación de prevención de riscos laborais”, apuntou a directora do Instituto.
Por último, Quinzá-Torroja destacou que no Plan do ISSGA para 2013 recóllense tamén programas de sensibilización e difusión da cultura preventiva nos sector da pesca, así como de información e formación específica e a prestación de asesoramento técnico.