Luns, Setembro 15, 2014
O ISSGA e APROSAL colaborarán na promoción de actuacións de seguridade e saúde no traballo
- A colaboración, que se prolongará durante todo o ano, incluirá accións de concienciación e difusión en materia de prevención de riscos laborais, o intercambio de información ou a cooperación e asesoramento mutuo mediante a achega dos coñecementos e experiencia técnicos
- Ademais, fomentarase a elaboración de materiais divulgativos e a promoción da actividade investigadora de ambas as dúas institucións no estudo ou avaliación de calquera problema relacionado coa seguridade e saúde dos traballadores
Santiago de Compostela.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) e a Asociación de Profesionais de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (APROSAL) subscribiron este mes un acordo de colaboración para o desenvolvemento de actividades de información e formación en prevención de riscos laborais.
Así mesmo, pretende programar, coordinar e apoiar as actividades desenvolvidas por APROSAL, en orde á mellora das condicións de seguridade e saúde no traballo, a redución dos riscos laborais, a investigación e fomento de novas formas de protección e promoción de estruturas eficaces de prevención.
A colaboración, que se prolongará durante todo o ano, farase efectiva mediante o desenvolvemento das accións relacionadas coa seguridade e saúde laboral consistentes na realización de accións de concienciación e difusión en materia de prevención de riscos laborais, o intercambio de información en materia de seguridade e saúde laboral cando esta revista especial interese para a prevención de riscos laborais ou a cooperación e asesoramento mutuo mediante a achega dos coñecementos e experiencia técnicos.
Ademais, fomentarase a elaboración de materiais divulgativos e didácticos relacionados coa difusión e promoción da prevención dos riscos laborais, a promoción da actividade investigadora de ambas as dúas institucións no estudo ou avaliación de calquera problema relacionado coa seguridade e saúde dos traballadores e cantas outras sexan consideradas de interese común, dentro da competencia e dispoñibilidade das partes, en relación á actividade obxecto deste acordo.