Mércores, Maio 21, 2014
O ISSGA difunde as súas liñas de actuación no Congreso internacional de prevención de riscos laborais de Zaragoza
- A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, Adela Quinzá-Torroja, está a participar neste foro
- No marco deste congreso, mañá celebrarase unha xuntanza dos directores desta área de distintas comunidades autónomas co fin de abordar e avaliar distintos aspectos en materia de prevención
Santiago de Compostela, 21 de maio de 2014.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) está a difundir o seu labor e principais liñas de actuación no XII Congreso internacional de prevención de riscos laborais que se está a celebrar en Zaragoza. O lema principal deste foro é “A prevención na empresa do século XXI: un factor clave de competitividade”.
A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, Adela Quinzá-Torroja, está a participar neste encontro, que ten como finalidade poñer en valor que “competitividade e saúde laboral son engrenaxes dunha mesma maquinaria”.
Para afondar nesta idea, mañá reuniranse -no marco deste Congreso- os directores xerais da área de traballo e os directores dos institutos de distintas comunidades autónomas, que abordarán e avaliarán distintas actuacións en materia de prevención.
Ademais desta xuntanza, o ISSGA está a presentar diversos traballos durante a súa participación no Congreso, que durará ata o próximo 23 de maio.
En concreto, o organismo galego destacou o estudo de saúde laboral nas redeiras de Galicia, que ten como principal obxectivo estimar a prevalencia dos trastornos musculoesqueléticos.
Por outra banda, tamén destacou a análise da xestión da prevención en empresas galegas con enfermidades profesionais durante os anos 2009-2012, que permite reflectir graficamente o grao de implantación da xestión preventiva nas empresas galegas que se investigaron por mor da declaración de enfermidades profesionais.