Mércores, Xuño 25, 2014
O ISSGA destaca a importancia da colaboración con ASIME para mellorar a prevención de riscos laborais no sector
- O ISSGA e ASIME celebraron hoxe en Vigo unha xornada sobre a implantación de melloras ergonómicas nos áreas de produción, na que se trataron melloras tanto a nivel de enxeñería como a nivel administrativo
- A directora do Instituto, Adela Quinzá-Torroja, relatou diversos aspectos nos que colaboraron as dúas entidades, tales como o decidido apoio para a creación do servizo de prevención mancomunado para o sector do siderometal
Vigo, 25 de xuño de 2014.- A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, destacou a importancia da colaboración que a Consellería de Traballo e Benestar está a ter con ASIME para mellorar a prevención de riscos laborais.
O ISSGA e ASIME celebraron hoxe en Vigo unha xornada sobre a implantación de melloras ergonómicas nos áreas de produción, na que se trataron melloras tanto a nivel de enxeñería como a nivel administrativo. Quinzá-Torroja lembrou que “ao falar de riscos ergonómicos e da súa prevención, estamos querendo dar resposta a un problema antigo que actualmente se manifesta como accidente de traballo ou enfermidade profesional”.
A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, relatou diversos aspectos nos que colaboraron as dúas entidades, tales como o decidido apoio para a creación do servizo de prevención mancomunado para o sector do siderometal ou a participación de ASIME na bolsa de axudas que a Consellería dedica a proxectos para a promoción da prevención de riscos laborais.
Así mesmo, explicou as colaboracións que levan a cabo o ISSGA e ASIME, tales como o plan anual de actividades do instituto, o mapa de risco químico no sector industrial, o laboratorio de hixiene analítica, o programa de sobreesforzos e o mapa ergonómico e a participación de traballadores de ASIME nas distintas xornadas técnicas que configuran a oferta formativa do ISSGA.