Xoves, Abril 23, 2026
O ISSGA desenvolve en Ourense a segunda edición do seminario sobre metodoloxías ergonómicas para a prevención de TME
Ourense, 23 de abril de 2026
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) celebrou no seu centro de Ourense, os días 21 e 23 de abril de 2026, o seminario “Aplicación práctica de metodoloxías ergonómicas de posturas, manipulación de cargas e movementos repetitivos”, incluído no seu Plan de actuación 2026.
Esta actividade, enmarcada no eixo 3 do Plan de actuación, Programas por riscos específicos e novos escenarios, ten como obxectivo apoiar a integración real da xestión dos riscos ergonómicos nas empresas e reforzar a especialización do persoal técnico encargado do asesoramento nesta materia. A través desta formación búscase facilitar ferramentas prácticas e criterios técnicos que permitan afrontar con maior rigor a identificación, avaliación e control deste tipo de riscos nos distintos postos de traballo.
O curso, de carácter presencial e cunha duración total de 8 horas, está dirixido ao persoal técnico en prevención de riscos laborais da especialidade de ergonomía e psicosocioloxía aplicada, tanto de servizos de prevención como de gabinetes de seguridade e saúde laboral. Tamén constitúe un espazo de encontro profesional no que compartir experiencias e coñecementos entre persoas expertas do ámbito preventivo.
Durante as sesións afóndase no coñecemento dos trastornos musculoesqueléticos (TME) de orixe laboral, unha das principais causas de baixa laboral e perda de benestar nas persoas traballadoras, así como nos factores de risco asociados ás posturas forzadas, á manipulación manual de cargas e aos movementos repetitivos. Analízase tamén o impacto que estes riscos teñen tanto na saúde das persoas como na produtividade e organización das empresas.
A formación combina contidos teóricos e prácticos, revisando metodoloxías recoñecidas de avaliación ergonómica e aplicándoas a casos reais, co fin de mellorar a capacidade de análise, a interpretación de resultados e a elaboración de propostas de mellora e medidas preventivas eficaces adaptadas a cada contorna laboral.
O seminario conta coa participación de César André Rivas, técnico do ISSGA, quen achega unha visión aplicada baseada na experiencia en distintos sectores produtivos, facilitando exemplos reais e solucións prácticas para a xestión dos riscos ergonómicos.
Vaise realizar unha edición en cada un dos centros territoriais do Issga. Ademais desta en Ourense, xa tivo lugar a de Lugo e no vindeiro mes de maio realizarase nas provincias da Coruña e Pontevedra. No apartado de formación da nosa web está dispoñible toda a información.
Con esta iniciativa, o ISSGA reforza o seu compromiso coa mellora continua das competencias do persoal técnico e coa promoción dunha cultura preventiva que integre a ergonomía como elemento clave para a saúde laboral, a calidade do emprego e a sustentabilidade das organizacións.