Venres, Novembro 27, 2009
O ISSGA de Rande celebra o último curso básico de prevención de riscos laborais programado para o centro este ano
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) celebrou esta semana no centro do ISSGA de Pontevedra, situado en Rande (Redondela), o último curso de prevención de riscos laborais de nivel básico programado para este ano nas instalacións, no que participaron preto de 40 alumnos.
Os obxectivos deste módulo, de 30 horas de duración, son proporcionar o nivel de capacitación necesario para desenvolver as funcións básicas da actividade preventiva, establecidas no artigo 35 do Regulamento dos servizos de prevención, e dotar aos empresarios dos coñecementos que os capaciten para xestionar a prevención nas súas empresas ou centros de traballo.
Entre esas funcións de nivel básico, están promover os comportamentos seguros e a correcta utilización dos equipos de traballo e de protección, fomentar o interese e a cooperación dos traballadores na acción preventiva, promocionar as actuacións preventivas básicas (orde, limpeza, sinalización, mantemento xeral e seguimento e control do mesmo), realizar avaliacións de riscos, colaborar na avaliación e no control dos riscos xerais e específicos da empresa e actuar en caso de emerxencia e primeiros auxilios, entre outras.
Estes cursos enmárcase na programación formativa do ISSGA para o ano 2009, que incluíu, ademais, cursos de especialidades, xornadas técnicas sobre diferentes aspectos de interese no eido da prevención e formación en liña, esta última composta por tres cursos nos que se imparte o contido mínimo do programa de formación para o desempeño das funcións de nivel básico, cun engadido sobre prevención de riscos laborais dende a perspectiva de xénero.
A formación en prevención de riscos no traballo, encamiñada á mellora do nivel de coñecemento técnico, constitúe unha das ferramentas máis axeitadas para implantar na sociedade unha auténtica cultura da prevención. Nesa liña, aparte deste programa formativo destinado á poboación traballadora e aos expertos en prevención, o Instituto desenvolve outras campañas e actividades que pretenden inculcar xa desde a infancia a importancia da prevención, así como plans de asesoramento técnico de carácter sectorial a empresas e tarefas de investigación de accidentes, entre outras accións.