Novas

Venres, Decembro 04, 2009

O ISSGA dará a coñecer as súas actividades na XVI Feira de Mostras da Coruña, que se celebrará durante esta ponte festiva

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) contará cun stand na XVI Feira de Mostras da Coruña (FEMAGA), organizada pola Federación de Autónomos de Galicia (Feaga), e que se celebra desde hoxe, venres, ata o próximo martes, 8 de decembro, no recinto feiral de Expocoruña, na cidade herculina.

Os que se acheguen ata a instalación do Instituto, de 48 metros cadrados, poderán coñecer as campañas e actividades desenvolvidas polo organismo desde o comezo da súa andaina, destinadas tanto aos máis novos como á poboación en xeral, así como consultar as follas de prevención, unhas publicacións que o Instituto saca á luz con periodicidade mensual e que tratan sobre temas específicos de interese no ámbito da prevención de riscos laborais, como a exposición ao amianto, os riscos ergonómicos dos traballadores do telemarketing ou a prevención da gripe A no ámbito empresarial, entre outras temáticas.

Así mesmo, no stand estarán expostos algúns dos Equipos de Protección Individual (EPIs) recomendados para diversos oficios, ademais dalgúns dos materiais e ferramentas que empregan os técnicos do organismo nas súas tarefas de investigación de accidentes, recoñecementos médicos a traballadores e visitas a empresas, entre moitas outras.

A participación do ISSGA en FEMAGA enmárcase dentro do que é un dos obxectivos principais deste organismo: a asistencia aos foros e encontros profesionais coa finalidade de coñecer de preto as necesidades e demandas dos traballadores e dos distintos sectores para, dese xeito, converterse nun referente en materia de prevención de riscos no traballo e nunha realidade no tecido empresarial galego.

A Feira de Mostras de Galicia, que este ano celebra a súa decimosexta edición, incluirá como novidade un total de sete salóns sectoriais, o que, a xuízo da organización, permitiralle medrar tanto en número de expositores como de visitantes.

Como xa é habitual, durante a feira celebraranse unha serie de actos paralelos, como desfiles de moda ou concursos, así como xornadas informativas dirixidas a autónomos e emprendedores en xeral.

Tralos bos resultados obtidos na anterior edición do encontro, na que tamén participou o ISSGA, a directiva da Federación de Autónomos de Galicia pretende que este evento chegue a converterse na Feira Multisectorial de referencia na zona norte da comunidade galega, e espera recibir uns 65.000 visitantes.