Xoves, Decembro 02, 2021
O ISSGA da a coñecer o seu traballo no Máster en Xestión e Dirección Laboral
Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2021. Adela Quinzá-Torroja García, xerente do ISSGA, e Encarna Sousa Rodríguez, subdirectora xeral Técnica e de Planificación acudiron onte á Facultade de Relacións Laborais da USC para impartir unha sesión formativa de dúas horas para o alumado do Máster en Xestión e Dirección Laboral. O máster, financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade, conta coa participación das tres universidades galegas e, a través dun enfoque eminentemente práctico, pretende ofrecer ao seu alumnado unha formación integral, preparando a profesionais de alto nivel no eido da auditoría sociolaboral, dirección laboral e xestión dos recursos humanos na empresa.
Nos seus relatorios presentaron as funcións e obxectivos do ISSGA, como órgano técnico da Xunta de Galicia en materia de seguridade e saúde no traballo, resaltando, como aspectos característicos, a súa transversalidade, o asesoramento técnico especializado e a participación dos axentes sociais. Fixeron un percorrido polos eixes do plan anual de actuación comentando, entre outras, as actuacións da Unidade de referencia COVID-19, as estatísticas do Observatorio Galego de Condicións de Traballo, a importante labor no eido da investigación de accidentes e enfermidades profesionais e o traballo realizado polo persoal técnico habilitado. Tamén presentaron, dun xeito ameno mediante distintas publicacións e vídeos divulgativos, os programas e as campañas para a promoción da prevención, mellora da xestión e redución da sinistralidade, en montaxe e desmontaxe de escenarios, teletraballo, corta o risco químico e peitea con seguridade e forestal.
Dende o ISSGA agradecemos a Silvia Fernández, Bárbara Torres e a todo o alumnado o interese mostrado polo noso traballo e esperamos que esta colaboración coa Universidad de Santiago de Compostela continúe e se impulse no futuro.