Martes, Agosto 10, 2021
O ISSGA convoca catro cursos sobre o manexo seguro de motoserras e rozadoiras para reducir a sinistralidade
- Terán lugar en Carballo, Ferrol, Ribadeo e Guitiriz e unha duración de 15 horas
- Diríxense a persoas en activo que desenvolven a súa actividade no sector agrario, forestal e de xardinaría
- Permitirán cualificar aos operarios que traballan con maquinaria e na tala de árbores en habilidades para previr riscos e diminuír os accidentes laborais
Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2021. O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dependente da Consellería de Emprego e Igualdade, está a reforzar a oferta formativa para persoas traballadoras e estudantes das ramas da xardinería e do sector forestal no uso seguro da maquinaria que se emprega nas tarefas desenvolvidas no monte, coa finalidade de reducir a sinistralidade nos concellos con maior presenza de actividade forestal.
Os concellos de Carballo, Ferrol, Ribadeo e Guitiriz acolleran as vindeiras edicións destes cursos para o manexo seguro da motoserra e da rozadoira, dúas das máquinas que ocasionan maior sinistralidade no sector. Cada unha destas actividades ten unha duración de 15 horas e un máximo de 10 alumnos para garantir as condicións de seguridade e de distancia interpersoal que estes instrumentos requiren. A elección dos concellos realizouse en función da alta produción forestal e por criterio de sinistralidade.
Con esta oferta proporciónase formación específica en materia de prevención de riscos ás persoas traballadoras e profesionais do sector forestal en materia de prevención dos riscos laborais inherentes a estas actividades, coa finalidade de fomentar a adquisición de habilidades nesa materia así como dunha cultura preventiva que permita diminuír os accidentes laborais.
A formación diríxese a un sector estratéxico da economía galega e pretende sensibilizar ao persoal en materia preventiva, ampliando as súas capacidades e favorecendo a aprendizaxe continua sobre a materia.
Todos estes cursos son gratuítos e facilitan ao alumnado os equipos de protección individual (EPI) necesarios para o seu desenvolvemento.
Os contidos de cada un deles foi consensuado no marco do grupo de traballo contra a sinistralidade laboral do Issga e postos en coñecemento do equipo técnico do ámbito forestal co obxecto de dar resposta ás necesidades das empresas e das persoas traballadoras do sector en materia preventiva.