venres, Setembro 15, 2023

O ISSGA convoca catro cursos de prevención das enfermidades da voz no ámbito laboral

  • Terán lugar nos catro centros provinciais do ISSGA
  • A hixiene postural, a respiración, a proxección e o enfriamento vocal son claves para evitar a aparición de enfermidades profesionais e manter unha voz sa

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2023. O Plan de actuación do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) para o ano 2023 recolle no seu eixe 5 “Promoción da prevención, mellora da xestión e redución da sinistralidade” na ficha 5.26  “Profesionais da voz” a realización de actividades formativas teórico-prácticas, impartida por persoal técnico da área de medicina do traballo do ISSGA e por logopedas, que permitirá ao alumnado coñecer os trastornos da voz, identificar os factores de risco  relacionados coa súa actividade e adquirir técnicas para mellorar o uso da voz, con prácticas específicas sobre xesto corporal, xesto vocal e exercicios de quecemento vocal.

Estímase que unha terceira parte da poboación laboral son profesionais da voz, é dicir, son persoas que utilizan a voz como principal ferramenta de traballo, sen a cal non poderían desenvolver as súas tarefas con normalidade. É necesario facilitar aos profesionais da voz acceso a unha formación preventiva teórico-práctica en relación cos riscos derivados do uso continuado e sostido da voz que interveñen na aparición das enfermidades profesionais e como previlas

En consecuencia, convócanse 4 talleres de formación en prevención das enfermidades da voz no ámbito laboral para os profesionais da voz:

Centro ISSGA da Coruña
9 e 10 de outubro. De 9:00 a 14:00 horas

Centro ISSGA de Lugo
16 e 17 de outubro. De 9,00 a 14,00 horas.

Centro ISSGA de Ourense
19 e 20 de outubro. De 9:00 a 14:00 horas

Centro ISSGA de Pontevedra
26 e 27 de outubro. De 9:00 a 14:00 horas

Contido

  • Que é a voz?
  • Patoloxía vocal
  • Conceptos xerais de prevención de riscos laborais e danos para a saúde
  • Factores de risco
  • Profesións ou actividades laborais de risco para a voz
  • A vixilancia da saúde laboral
  • Medidas de prevención
  • Técnica vocal
  • Hixiene vocal
  • Que facer se aparece unha patoloxía vocal de orixe profesional?

Desenvolvemento

O taller ten carácter presencial.

Persoas destinatarias e distribución das prazas

Persoas traballadoras maiores de idade con interese na actividade a que se dirixe o curso.

Criterios de selección

No caso de haber máis solicitudes que prazas, os criterios de selección son:

  • Xunto a solicitude de inscrición, a persoa interesada entregará a documentación que acredite a prioridade 1.
    • Grupo con prioridade 1: Profesionais da voz ou persoal con formación na materia (previa ou actual).
    • Grupo con prioridade 2: resto de persoal.
  • Unha vez seleccionado este grupo, a selección entre estas persoas realizarase por orde de inscrición.

Solicitudes

As solicitudes efectuaranse utilizando o formulario que se recolle no Anexo II, dispoñible no apartado de DOCUMENTACIÓN.

O prazo para presentar as solicitudes remata cinco días antes ao inicio de cada curso, que poderá ampliarse ata alcanzar o número máximo de 25 alumnos/as por taller.

As solicitudes poderanse presentar por calquera dos seguintes medios:

  • Por correo electrónico, ao enderezo issga.formacion@xunta.gal
  • Por entrega á empresa xestora, información no teléfono 664156403

Xunto coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

  • Copia do DNI/ NIF / NIE/ Pasaporte
  • De ser o caso, documentación xustificativa de pertenza ao colectivo prioritario (epígrafe 5, criterios de selección)

Esixirase un mínimo de 10 alumnos/as por taller. No caso de non chegar a este mínimo, o ISSGA poderá cambiar as datas previstas de desenvolvemento ou anulalo, o que se comunicará con antelación suficiente ás persoas solicitantes.

Acreditación da formación

Ao remate de cada taller o ISSGA expedirá certificado de asistencia ao alumnado.

Custo dos talleres e financiamento

A asistencia a estes talleres será gratuíta para as persoas seleccionadas.