Venres, Setembro 19, 2014
O ISSGA convoca 85 cursos de formación en materia de prevención de riscos laborais e de primeiros auxilios, destinados a traballadores/as do sector agrogandeiro e forestal
O Real decreto 752/2010, de 4 de xuño, polo que se aproba o primeiro programa de desenvolvemento rural sostible para o período 2010-2014 en aplicación da Lei 45/2007, de 13 de decembro, para o desenvolvemento sostible do medio rural, contempla como unha das actuacións do programa a 1.22.-CA.3 relativa a información e formación profesional ocupacional e continua das persoas traballadoras.
Ao abeiro do convenio asinado entre a Administración Xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia asinado o 7 de maio de 2012 para o período 2012-2016, o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) abre o período de inscrición das seguintes accións formativas:
- Curso de prevención de riscos laborais no manexo de maquinaria agrícola. Manexo práctico do tractor e os seus apeiros (15 edicións): este curso celebrarase nos concellos de Ames, A Baña, A Laracha, Melide, Abadín, A Fonsagrada, O Incio, Cervantes, Cervo, Ribadeo, Carballeda de Valdeorras, Xinzo de Limia, Rodeiro, Salvaterra de Miño e Silleda.
- Curso de prevención de riscos laborais no manexo de maquinaria forestal. Manexo práctico de motoserra e rozadoira (15 edicións): este curso celebrarase nos concellos de Brión, O Pino, Oza-Cesuras, Vimianzo, Becerreá, Bóveda, Foz, Guitiriz, Viveiro, A Rúa, Maceda, Verín, Campo Lameiro, Cuntis e Mos.
- Curso de prevención de riscos laborais en explotacións agrogandeiras (15 edicións): este curso celebrarase nos concellos de Curtis, Fisterra, Negreira, Ordes, O Pino, Baralla, Monterroso, Outeiro de Rei, Padrenda, Xove, A Pobra de Trives, Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, A Illa de Arousa e Ponteareas.
- Curso básico de primeiros auxilios: Actuacións ante os accidentes laborais (40 edicións): actuacións ante os accidentes laborais: este curso celebrarase nos concellos de Abegondo, Arteixo, Boimorto, Boqueixón, Dodro, Dumbría, Mugardos, Pantón, San Sadurniño, Trazo, Outes, A Pastoriza, A Pontenova, Barreiros, Burela, Castro de Rei, Folgoso do Courel, Guitiriz, Guntín, Meira, Mondoñedo, Quiroga, Riotorto, Samos, Taboada, Vilalba, Amoeiro, Boborás, Cualedro, Larouco, Lobios, O Bolo, Rubiá, Toén, Arbo, Caldas de Reis, Covelo, Lalín, Valga e Vila de Cruces.
O obxectivo destes cursos é proporcionar unha formación específica aos/ás traballadores/as e profesionais do sector agrogandeiro e forestal en materia de prevención dos riscos laborais inherentes a estas actividades e en primeiros auxilios, coa finalidade de fomentar a adquisición de habilidades nesa materia así como a adquisición dunha cultura preventiva, e diminuír os accidentes laborais nestes sectores; así como de dotalos/as dos coñecementos e habilidades básicas necesarias para prestar, o máis eficazmente posible, os primeiros auxilios ante unha situación de urxencia producida por un sinistro laboral.