Novas

Luns, Maio 28, 2012

O ISSGA contabiliza 344 casos de enfermidades profesionais no primeiro trimestre do ano 2012

O ISSGA contabiliza 344 casos de enfermidades profesionais no primeiro trimestre do ano 2012

Santiago, 28 de maio de 2012.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) rexistrou no primeiro trimestre deste ano un total de 344 partes de enfermidades profesionais, dos que 203 foron con baixa. Se se realiza a distribución por sexos, 183 foron homes e 161 mulleres.

O ISSGA, en tanto órgano técnico en prevención de riscos laborais, desenvolve unha liña de actuación sistematizada para o estudo estatístico da incidencia das enfermidades profesionais en Galicia e a investigación das súas causas. Esta recompilación sistematizada de datos sirve ao ISSGA para analizar, investigar e avaliar as causas e factores determinantes das enfermidades profesionais e priorizar o asesoramento técnico, as campañas de divulgación e sensibilización e a temática das xornadas técnicas, en función dos sectores de actividade afectados e das patoloxías máis frecuentes, como é o caso das enfermidades osteomusculares.

Os sectores da industria e dos servizos son os que rexistraron máis partes de enfermidades profesionais. Na industria producíronse 162 casos e nos servizos 151, seguidos da construción que rexistrou 24 partes. A continuación, sitúase a pesca con 5 partes, e a agricultura con 2 casos.

No caso do sector servizos as notificacións afectan en maior grao ao colectivo feminino, mentres que no caso das rexistradas no sector de industria, a maioría refírense ao sexo masculino. En ambos os dous casos, a maioría das patoloxías detectadas son provocadas por axentes físicos, e máis concretamente lesións osteomusculares.

Deste xeito, por grupos de enfermidades, o maior número de casos foron provocados por axentes físicos (un total de 273), dos que 113 foron sen baixa. Destes, a maioría das enfermidades deste grupo foron provocadas por posturas forzadas e movementos repetitivos no traballo.

A continuación das causadas por axentes físicos, sitúanse as provocadas por inhalación de sustancias e axentes non incluídos nos outros grupos cun total 29 casos, deles 12 sen baixa. No grupo de enfermidades provocadas por axentes químicos houbo 18 partes, deles 5 sen baixa; no de enfermidades da pel por sustancias e axentes non comprendidos nos outros grupos comunicáronse 14 casos, deles 7 sen baixa; de axentes biolóxicos houbo 9 partes, 3 deles sen baixa; e no grupo de axentes carcinóxenos houbo un único parte de enfermidade, sen baixa.

Por provincias, o maior número de partes procede de Pontevedra, onde se notificaron 164, deles 75 cursaron sen baixa. Na Coruña houbo 125 comunicacións, delas 45 sen baixa. En Ourense rexistráronse 37 partes, dos que 15 foron sen baixa; e en Lugo houbo 18 casos, 6 deles sen baixa.

Cabe lembrar que as comunicacións de enfermidades profesionais non se deben considerar en ningún caso como un feito negativo, xa que é preciso identificar como enfermidades profesionais aquelas que se están a cualificar erroneamente como enfermidades comúns.