Novas

Martes, Agosto 03, 2010

O ISSGA CONTABILIZA 321 CASOS DE ENFERMIDADES PROFESIONAIS NO SEGUNDO TRIMESTRE

No segundo trimestre deste ano presentaronse en Galicia 321 comunicacións de enfermidades profesionais, das que 183 afectaron a homes e 138 a mulleres. Do total, 94 cursaron sen baixa. Por provincias, en Pontevedra orixinouse o meirande número de comunicacións, con 163; seguida de A Coruña, con 108; Ourense, con 36 e Lugo, con 14.

Facendo unha clasificación por sectores de actividade, a industria e os servizos son os que tiveron un maior número de enfermos, 172 na industria e 119 nos servizos. No resto dos sectores, 26 partes de enfermidade procederon da construción, 3 do sector da pesca, e 1 da agricultura. Analizando só os partes de enfermidade con baixa, tamén son a industria e os servizos os sectores con máis enfermidades profesionais comunicadas, con 120 e 82 comunicacións respectivamente, seguidos de 21 casos na construción, 3 na pesca e 1 na agricultura.

Tendo en consideración o sexo e o sector de actividade, nos servizos houbo 69 casos de mulleres e 50 de homes; na industria 68 mulleres e 104 homes. No sector da construción, 25 homes e un parte de enfermidade dunha muller que cursou sen baixa; na pesca se contabilizan 3 homes mentres que nas mulleres non houbo ningunha comunicación de enfermidade; na agricultura houbo un home con comunicación de baixa, e ningunha comunicación de enfermidade profesional nas mulleres.

Por tipoloxía, o grupo de enfermidades causadas por axentes físicos foi o máis numeroso con 244 casos, seguido do grupo das causadas pola inhalación de axentes distintos aos químicos, físicos ou biolóxicos que presentaron 35 casos.

O ISSGA, como órgano técnico en prevención de riscos laborais, analiza, investiga e avalía as causas e factores determinantes das enfermidades profesionais, abordando o seu estudo preventivo e propoñendo, no seu caso, medidas correctoras ou emitindo informe correspondente á Inspección de Traballo.