Luns, Maio 19, 2014
O ISSGA contabiliza 312 casos de enfermidades profesionais no primeiro trimestre do ano
Santiago, 19 de maio de 2014.- O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), como órgano técnico en prevención de riscos laborais, desenvolve unha liña de actuación sistematizada para o estudo estatístico da incidencia das enfermidades profesionais en Galicia e a investigación das súas causas. Os datos correspondentes ao primeiro trimestre deste ano poñen de manifesto que nese período foron comunicados 312 partes de enfermidades profesionais, dos que 168 foron con baixa. Por sexos, 166 dos afectados eran mulleres e 146 homes.
Os sectores dos servizos e da industria son os que rexistraron máis partes de enfermidades profesionais. Nos servizos producíronse 159 casos; e na industria, 124. A continuación situáronse a construción, que rexistrou 16 partes; a pesca, con 7; e a agricultura, con 6 casos. No sector servizos, as notificacións afectan en maior grao ao colectivo feminino e nas rexistradas no sector de industria, ao masculino. En ambos casos, a maioría das patoloxías detectadas son provocadas por axentes físicos.
Por grupos de enfermidades, o maior número de casos foron provocados por axentes físicos: un total de 231, dos que 108 foron sen baixa e das que as provocadas por posturas forzadas e movementos repetitivos no traballo supoñen o maior número de enfermidades deste grupo; seguidos da inhalación de sustancias e axentes non incluídos nos outros grupos con 33 casos, deles 20 sen baixa.
No grupo de enfermidades da pel por sustancias e axentes non comprendidos nos outros grupos houbo 23 partes, deles 9 sen baixa. No de enfermidades provocadas por axentes biolóxicos comunicáronse 19 casos, deles 2 sen baixa. No de axentes químicos, houbo 6 partes, 5 deles sen baixa; e no grupo de axentes carcinóxenos non houbo ningún parte de enfermidade.
Por provincias, o maior número de partes procede de Pontevedra, onde se notificaron 174, deles 86 cursaron sen baixa. Na Coruña houbo 79 comunicacións, delas 35 sen baixa. En Ourense rexistráronse 42 partes, dos que 19 foron sen baixa. En Lugo houbo 17 casos, 4 deles sen baixa.
Esta recompilación sistematizada de datos sirve ao ISSGA para analizar, investigar e avaliar as causas e factores determinantes das enfermidades profesionais e priorizar o asesoramento técnico, as campañas de divulgación e sensibilización e a temática das xornadas técnicas, en función dos sectores de actividade afectados e das patoloxías máis frecuentes, como é o caso das enfermidades osteomusculares producidas por axentes físicos.