Novas

Luns, Febreiro 11, 2013

O ISSGA contabiliza 279 casos de enfermidades profesionais no cuarto trimestre do ano 2012

O ISSGA contabiliza 279 casos de enfermidades profesionais no cuarto trimestre do ano 2012

Santiago, 11 de febreiro de 2013.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), como órgano técnico en prevención de riscos laborais, desenvolve unha liña de actuación sistematizada para o estudo estatístico da incidencia das enfermidades profesionais en Galicia e a investigación das súas causas. Os datos correspondentes ao cuarto trimestre do ano 2012 poñen de manifesto que nese período foron comunicados 279 partes de enfermidades profesionais, dos que 139 foron con baixa. Por sexos, 147 dos afectados eran homes e 132 mulleres.

Os sectores da industria e dos servizos son os que rexistraron máis partes de enfermidades profesionais. Na industria producíronse 127 casos e nos servizos 123; seguidos da construción, que rexistrou 26 partes; da pesca, con 2 partes; e da agricultura, con 1 caso. Na industria as notificacións afectan en maior grao ao colectivo masculino e nas rexistradas no sector dos servizos, ao feminino. En ambos casos, a maioría das patoloxías detectadas son provocadas por axentes físicos, e máis concretamente lesións osteomusculares.

Por grupos de enfermidades, o maior número de casos foron provocados por axentes físicos, 208, dos que 99 foron sen baixa e das que as provocadas por posturas forzadas e movementos repetitivos no traballo supoñen o maior número de enfermidades deste grupo.

O seguinte grupo é o das enfermidades por inhalación de sustancias e axentes non incluídos nos outros grupos con 28 casos, deles 22 sen baixa. No grupo de enfermidades provocadas por axentes químicos comunicáronse 17 casos, deles 11 sen baixa; no de enfermidades da pel por sustancias e axentes non comprendidos nos outros grupos houbo 13 partes, deles seis sen baixa; de axentes biolóxicos houbo 12 partes, soamente un sen baixa; e no grupo de axentes carcinóxenos só houbo un parte de enfermidade e foi sen baixa.

Por provincias, o maior número de partes procede de Pontevedra, onde se notificaron 148, deles 78 cursaron sen baixa. Na Coruña houbo 78 comunicacións, delas 30 sen baixa. En Ourense rexistráronse 29 partes, dos que 20 foron sen baixa. E en Lugo houbo 24 casos, 12 deles sen baixa.

Esta recompilación sistematizada de datos sirve ao ISSGA para analizar, investigar e avaliar as causas e factores determinantes das enfermidades profesionais e priorizar o asesoramento técnico, as campañas de divulgación e sensibilización e a temática das xornadas técnicas, en función dos sectores de actividade afectados e das patoloxías máis frecuentes, como é o caso das enfermidades osteomusculares.