Luns, Agosto 13, 2012
O ISSGA contabiliza 231 casos de enfermidades profesionais no segundo trimestre do ano 2012
• Os servizos e a industria foron os sectores que tiveron un maior número de afectados, seguido da construción.
• Atendendo ao sexo dos afectados, 112 foron homes e 119 mulleres.
O ISSGA, como órgano técnico en prevención de riscos laborais, desenvolve unha liña de actuación sistematizada para o estudo estatístico da incidencia das enfermidades profesionais en Galicia e a investigación das súas causas. Os datos correspondentes ao segundo trimestre deste ano poñen de manifesto que nese período foron comunicados 231 partes de enfermidades profesionais, dos que 128 foron con baixa. Por sexos, 112 dos afectados eran homes e 119 mulleres.
Os sectores dos servizos e da industria son os que rexistraron máis partes de enfermidades profesionais. Nos servizos producíronse 105 casos e na industria 100, seguidos da construción que rexistrou 20 partes, da agricultura con 5 partes e da pesca con 1 caso. No sector servizos as notificacións afectan en moito maior grao ao colectivo feminino e nas rexistradas no sector de industria, ao masculino. En ambos os dous casos, a maioría das patoloxías detectadas son provocadas por axentes físicos, e máis concretamente lesións osteomusculares.
Por grupos de enfermidades, o maior número de casos foron provocados por axentes físicos, 176 , dos que 72 foron sen baixa, das que as provocadas por posturas forzadas e movementos repetitivos no traballo supuxeron o maior número de enfermidades deste grupo.
O seguinte grupo é o das enfermidades por inhalación de sustancias e axentes non incluídos nos outros grupos con 29 casos, deles 17 sen baixa. No grupo de enfermidades da pel por sustancias e axentes non comprendidos nos outros grupos comunicáronse 10 casos, deles 7 sen baixa; no de enfermidades provocadas por axentes químicos houbo 7 partes, deles 3 sen baixa; de axentes biolóxicos houbo 5 partes, ningún sen baixa; e no grupo de axentes carcinóxenos houbo catro partes de enfermidade, todos sen baixa.
Por provincias, o maior número de partes procede de Pontevedra, onde se notificaron 116, deles 48 cursaron sen baixa. Na Coruña houbo 72 comunicacións, delas 32 sen baixa. En Ourense rexistráronse 27 partes, dos que 16 foron sen baixa. E en Lugo houbo 16 casos, 7 deles sen baixa.
Esta recompilación sistematizada de datos sirve ao ISSGA para analizar, investigar e avaliar as causas e factores determinantes das enfermidades profesionais e priorizar o asesoramento técnico, as campañas de divulgación e sensibilización e a temática das xornadas técnicas, en función dos sectores de actividade afectados e das patoloxías máis frecuentes, como é o caso das enfermidades osteomusculares.