Novas

Luns, Novembro 14, 2011

O ISSGA contabiliza 229 casos de enfermidades profesionais no terceiro trimestre en Galicia, 133 con baixa

O ISSGA contabiliza 229 casos de enfermidades profesionais no terceiro trimestre en Galicia, 133 con baixa

Santiago, 14 de novembro de 2011.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) contabilizou, no terceiro trimestre do ano, un total de 229 partes de enfermidades profesionais, dos que 133 foron con baixa. Por sexos, 129 dos afectados eran homes e 100 mulleres. O ISSGA, como órgano técnico en prevención de riscos laborais, desenvolve unha liña de actuación sistematizada para o estudo estatístico da incidencia das enfermidades profesionais en Galicia e a investigación das súas causas.

Os sectores da industria e dos servizos son os que rexistraron máis partes de enfermidades profesionais. Na industria producíronse 125 casos e nos servizos 86, seguidos da construción que rexistrou 17 partes, e da pesca, con un caso, tendencia que ven sendo habitual.

No sector servizos as notificacións afectan en maior grao ao colectivo feminino e no caso das rexistradas nos sectores de industria, da construción e da pesca ao masculino. En todos os sectores a maioría de patoloxías detectadas son provocadas por axentes físicos, no que inclúense as patoloxías osteomusculares derivadas da carga física asociada ó traballo.

Por grupos de enfermidades, o maior número de casos foron provocados por axentes físicos, 181, dos que 74 foron sen baixa e das que as provocadas por posturas forzadas e movementos repetitivos no traballo supoñen o maior número de enfermidades deste grupo; seguidos do grupo de enfermidades causadas pola inhalación de sustancias e axentes non incluídos nos outros grupos con 21 casos, deles 11 sen baixa.

No grupo de enfermidades provocadas por axentes químicos houbo 7 partes, deles 2 sen baixa; no de enfermidades da pel por sustancias e axentes non comprendidos nos outros grupos comunicáronse 16 casos, deles 8 sen baixa; de axentes biolóxicos houbo 4 partes, un deles sen baixa; e no grupo de axentes carcinóxenos non houbo partes de enfermidade.

Por provincias, o maior número de partes procede de Pontevedra, onde se notificaron 108, deles 55 cursaron sen baixa. En A Coruña houbo 80 comunicacións, delas 28 sen baixa. En Ourense rexistráronse 24 partes, dos que 8 foron sen baixa. E en Lugo houbo 17 casos, 5 deles sen baixa. As provincias de Pontevedra e Ourense rexistran máis casos na actividade de Industria , seguida do sector servizos, e nas provincias de A Coruña e Lugo invértese a tendencia, predominando no sector servizos.

Esta recompilación sistematizada de datos serve ao ISSGA para analizar, investigar e avaliar as causas e factores determinantes das enfermidades profesionais priorizar actuacións concretas por actividade ou risco laboral ,entre as que inclúese o asesoramento técnico, as campañas de divulgación e sensibilización e a temática das xornadas técnicas, e en función dos sectores de actividade afectados e das patoloxías máis frecuentes , como é o caso das enfermidades osteomusculares ou en función da gravidade da doenza en cuestión o polo número de casos.