Luns, Novembro 05, 2012
O ISSGA contabiliza 210 casos de enfermidades profesionais no terceiro trimestre do ano 2012
Santiago, 5 de novembro de 2012.- O ISSGA, como órgano técnico en prevención de riscos laborais, desenvolve unha liña de actuación sistematizada para o estudo estatístico da incidencia das enfermidades profesionais en Galicia e a investigación das súas causas. Os datos correspondentes ao terceiro trimestre deste ano poñen de manifesto que nese período foron comunicados 210 partes de enfermidades profesionais, dos que 119 foron con baixa. Por sexos, 112 dos afectados eran homes e 98 mulleres.
Os sectores da industria e dos servizos son os que rexistraron máis partes de enfermidades profesionais. Na industria producíronse 100 casos e nos servizos 91, seguidos da construción que rexistrou 16 partes, da pesca con 2 partes e da agricultura con 1 caso. Na industria as notificacións afectan en maior grao ao colectivo masculino e nas rexistradas no sector dos servizos, ao feminino. En ambos os dous casos, a maioría das patoloxías detectadas son provocadas por axentes físicos, e máis concretamente lesións osteomusculares.
Por grupos de enfermidades, o maior número de casos foron provocados por axentes físicos, 159, dos que 68 foron sen baixa, provocadas fundamentalmente por posturas forzadas e movementos repetitivos no traballo.
O seguinte grupo é o das enfermidades por inhalación de sustancias e axentes non incluídos nos outros grupos con 18 casos, deles 9 sen baixa. No grupo de enfermidades provocadas por axentes químicos comunicáronse 15 casos, deles 3 sen baixa; no de enfermidades da pel por sustancias e axentes non comprendidos nos outros grupos houbo 15 partes, deles 8 sen baixa; de axentes biolóxicos houbo 3 partes, todos sen baixa; e no grupo de axentes carcinóxenos non houbo partes de enfermidade.
Por provincias, o maior número de partes procede de Pontevedra, onde se notificaron 94, deles 41 cursaron sen baixa. Na Coruña houbo 70 comunicacións, delas 25 sen baixa. En Ourense rexistráronse 27 partes, dos que 14 foron sen baixa. E en Lugo houbo 19 casos, 11 deles sen baixa.
Esta recompilación sistematizada de datos sirve ao ISSGA para analizar, investigar e avaliar as causas e factores determinantes das enfermidades profesionais e priorizar o asesoramento técnico, as campañas de divulgación e sensibilización e a temática das xornadas técnicas, en función dos sectores de actividade afectados e das patoloxías máis frecuentes, como é o caso das enfermidades osteomusculares.