Luns, Febreiro 20, 2012
O ISSGA contabiliza 1.244 casos de enfermidades profesionais en 2011, das que 682 foron con baixa
Santiago, 20 de febreiro de 2012.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) rexistrou un total de 1.244 partes de enfermidades profesionais ao longo de 2011, dos que 682 foron con baixa. Por sexos, 661 dos afectados eran homes e 583 mulleres.
O ISSGA, como órgano técnico en prevención de riscos laborais, desenvolve unha liña de actuación sistematizada para o estudo estatístico da incidencia das enfermidades profesionais en Galicia e a investigación das súas causas.
Os sectores da industria e dos servizos son os que rexistraron máis partes de enfermidades profesionais. Na industria producíronse 628 casos e nos servizos 495, seguidos da construción, que rexistrou 100 partes; da agricultura, con 11 partes; e da pesca, con 10 casos. No sector servizos, as notificacións afectan en maior grao ao colectivo feminino e no caso das rexistradas nos demais sectores ao masculino. En todos os sectores, as patoloxías detectadas maioritarias son provocadas por axentes físicos.
Por grupos de enfermidades, o maior número de casos foron provocados por axentes físicos, 975, dos que 552 foron con baixa. Delas, as provocadas por posturas forzadas e movementos repetitivos no traballo supoñen o maior número de enfermidades; seguidos do grupo de enfermidades causadas pola inhalación de sustancias e axentes non incluídos nos outros grupos, con 122 casos, deles 42 con baixa.
No grupo de enfermidades provocadas por axentes químicos houbo 60 partes, deles 35 con baixa; no grupo de enfermidades da pel producidas por sustancias e axentes non comprendidos nos outros grupos comunicáronse tamén 60 casos, deles 32 con baixa; de axentes biolóxicos houbo 20 partes, 17 deles con baixa.
Por provincias, o maior número de partes rexístrase en Pontevedra, onde se notificaron 591, deles 302 cursaron baixa. Na Coruña houbo 454 comunicacións, delas houbo 255 con baixa. En Ourense rexistráronse 138 partes, dos que 86 foron con baixa. E en Lugo houbo 61 casos, 39 deles con baixa.
Un total de 299 partes no cuarto trimestre
No cuarto trimestre do 2011 foron comunicados ao ISSGA un total de 299 partes de enfermidades profesionais, dos que 144 foron con baixa. Por sexos, 166 dos afectados eran homes e 133 mulleres.
Os sectores da industria e dos servizos son os que rexistraron máis partes de enfermidades profesionais neste período. Na industria producíronse 139 casos, e nos servizos 127, seguidos da construción, que rexistrou 29 partes; da agricultura, con tres partes; e da pesca, con un caso.
No sector servizos as notificacións afectan en maior grao ao colectivo feminino e no caso das rexistradas nos sectores de industria, da construción e da pesca, ao masculino. En todos os sectores (agás no parte de enfermidade na pesca), as patoloxías detectadas maioritarias son provocadas por axentes físicos.
Por grupos de enfermidades, o maior número de casos foron provocados por axentes físicos, 227, dos que 116 foron con baixa. Delas, as provocadas por posturas forzadas e movementos repetitivos no traballo supoñen o maior número de enfermidades deste grupo; seguidos do grupo de enfermidades causadas pola inhalación de sustancias e axentes non incluídos nos outros grupos, con 32 casos, deles 8 con baixa.
No grupo de enfermidades provocadas por axentes químicos houbo 15 partes, deles 6 con baixa; no grupo de enfermidades da pel causadas por sustancias e axentes non comprendidos nos outros grupos comunicáronse tamén 15 casos, deles 6 con baixa; de axentes biolóxicos houbo oito partes, 7 con baixa.
Por provincias, o maior número de partes rexístrase en Pontevedra, onde se notificaron 151, deles 69 cursaron baixa. Na Coruña houbo 104 comunicacións, delas houbo 48 con baixa. En Ourense rexistráronse 33 partes, dos que 19 foron con baixa. E en Lugo houbo 11 casos, 8 con baixa.
Esta recompilación sistematizada de datos sirve ao ISSGA para analizar, investigar e avaliar as causas e factores determinantes das enfermidades profesionais e priorizar o asesoramento técnico, as campañas de divulgación e sensibilización e a temática das xornadas técnicas, en función dos sectores de actividade afectados e das patoloxías máis frecuentes, como é o caso das enfermidades osteomusculares.