Mércores, Abril 23, 2025
O ISSGA conmemora a Semana Europea de Seguridade e Saúde no Traballo cun sesión de primeiros auxilios en Ourense
Ourense, 23 de abril de 2025.
Con motivo da Semana Europea de Seguridade e Saúde no Traballo, o Instituto de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia (ISSGA) organizou onte unha sesión de formación en primeiros auxilios na Sede de CCOO de Ourense. A actividade contou coa participación de máis de medio centenar de delegados de prevención, que se achegaron para ampliar os seus coñecementos nesta materia fundamental para a protección da saúde laboral.
Durante a sesión, a Técnica de Prevención de Riscos Laborais do ISSGA, Silvia Bacaicoa Ripa, destacou a importancia de actuar con rapidez e precisión en situacións de emerxencia, xa que estas actuacións poden marcar a diferenza entre a vida e a morte. Ademais, subliñou que a formación en primeiros auxilios é unha ferramenta esencial para que os traballadores e traballadoras poidan ofrecer unha resposta efectiva ante accidentes no lugar de traballo.
Bacaicoa Ripa tamén incidiu na necesidade de que a maior parte da poboación laboral estea preparada para actuar en casos de urxencia, promovendo unha cultura de prevención e colaboración que contribúa a reducir a gravidade das lesións e a salvar vidas. A formación en primeiros auxilios, ademais de ser un requisito fundamental en moitos sectores, é unha responsabilidade de todos para garantir un entorno laboral máis seguro e saudable.