
A abordaxe deste novo estudo de saúde laboral nas redeiras permitirá coñecer novos datos acerca da saúde laboral nesta actividade profesional e obter información sobre os factores de risco laboral implicados nos danos para a saúde que se detecten. Ademais incorporaranse aspectos relacionados coa promoción da saúde laboral e o benestar no traballo (alimentación, actividade física, etc.).
Especialistas de medicina do traballo e de enfermería do traballo do ISSGA achegáronse á sede da Asociación redeiras de Malpica (A Coruña) para coñecer a súa actividade laboral e as condicións de traballo do colectivo cara ao desenvolvemento dun novo estudo de saúde laboral enmarcado no Plan de actividades do ISSGA para o ano 2022. Na visita puideron comprobar as diferentes técnicas empregadas na elaboración ou reparación de das redes de enmalle, de cerco e de aparellos de anzol como o palangre e o palangrillo. Esta semana comezaron os recoñecementos médicos nos centros ISSGA da Coruña, Lugo e Pontevedra.
Desde o ano 2012, data na que se fixo o anterior estudo de saúde laboral, as redeiras avanzaron moito no recoñecemento das enfermidades profesionais,. Estas doenzas, na maioría dos casos están asociadas aos riscos ergonómicos: posturas forzadas, movementos repetitivos e manipulación manual de cargas. Pero hai outras enfermidades relacionadas coas condicións de humidade do ambiente no que desenvolven o seu traballo e que poden provocar enfermidades profesionais infecciosas e parasitarias. É un colectivo feminizado traballadoras por conta propia na súa maioría e cun escaso relevo xeracional.
O ISSGA elaborou xunto con Osalan , IAPRL e ICASST unha guía de vixilancia da saúde laboral para o sector pesqueiro, que será aplicada neste caso.
Con estas iniciativas preténdese visualizar as patoloxías profesionais do sector e os seus riscos laborais e propoñer, no seu caso, medidas preventivas para reducir os ditos riscos ou os seus efectos sobre a saúde das persoas traballadoras: afeccións osteomusculares coma son as tendinite, tensosinovite, epicondilite, epitrocleite e neuropatías por presión como o síndrome do túnel do carpo, son afeccións moi comunmente referidas polo sector.
Os resultados servirán para valorar a situación de saúde laboral actual e proporcionar recomendacións de saúde laboral.