Novas

Mércores, Decembro 28, 2011

O ISSGA comeza a distribución do material da súa campaña de prevención da fatiga na condución

O ISSGA comeza a distribución do material da súa campaña de prevención da fatiga na condución

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) e o Real Automóvil Club de España (RACE), coa colaboración de Asociación Nacional de Fabricantes de Bebidas Refrescantes Analcohólicas (ANFABRA), están a desenvolver una nova acción de seguridade viaria encamiñada a concienciar os traballadores e as traballadoras da importancia de adoptar hábitos saudables ao volante. Esta acción inclúese dentro da Campaña de Prevención da Fatiga na Condución "Un refresco, o teu mellor combustible".

En 2010 producíronse en Galicia 4.175 accidentes de traballo relacionados co tráfico. Destes accidentes, 2.919 (70%) tiveron lugar ao ir ou volver do centro de traballo e os 1.256 (30%) restantes aconteceron durante a xornada laboral.

O cansazo provocado pola propia xornada laboral fai que os traxectos de regreso á casa sexan os que presentan un maior risco de accidente. O estudo RACE-ANFABRA sobre fatiga e condución en Galicia revela que un de cada tres galegos iniciou unha viaxe despois da súa xornada laboral, co risco de sinistro. Segundo este estudo, a fatiga provoca unha diminución de atención ao volante, aumenta nun 86% o tempo de reacción ante un obstáculo e fai que se deixen de ver o 40% dos sinais.

Así, os datos en Galicia revelan que o 80% dos condutores galegos sufriron algunha vez somnolencia ao volante, un 52% picor de ollos e visión borrosa, e un 62% perdida de concentración. En termos xerais, os datos en Galicia superan a media de España.

Esta campaña conta coa distribución de 10.000 dípticos informativos para os traballadores e as traballadoras e de 300 carteis para as empresas, que tamén se poden descargar na nosa páxina web.

Ademais, terán lugar 100 cursos gratuítos de formación en liña en materia de seguridade viaria para responsables de prevención de riscos nas empresas a través da Academia RACE. Así mesmo, os usuarios disporán dunha web onde poden consultar informes e estudos sobre a fatiga, www.fatigayconduccion.es.

Sinxelos consellos como descansar cada 2 horas, facer estiramentos cando se leva moito tempo no posto de traballo ou manter hábitos axeitados de hidratación con bebidas como os refrescos, son importantes para manter as funcións físicas e a capacidade cognitiva, e poden reducir significativamente a sinistralidade viaria entre os traballadores.