Novas

Venres, Outubro 10, 2014

O ISSGA colaborará nunha xornada sobre empresas saudables que se celebra na Coruña

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) vai colaborar na xornada “Empresas Saudables” promovida pola Asociación Española de Dirección e Desenvolvemento de Persoas (AEDIPE) que se desenvolverá o vindeiro venres 10 de outubro na Coruña.
 
Nesta xornada, o director do centro ISSGA na Coruña, José Rega, realizará unha intervención sobre riscos psicosociais. A divulgación destes coñecementos é unha parte fundamental da prevención de riscos laborais e inscríbese no obxectivo cuarto do Plan estratéxico do ISSGA que consiste en potenciar a formación en materia de prevención dos riscos laborais.
 
O ISSGA inclúe entre as accións do seu Plan de actividades 2014 a redución dos riscos psicosociais no traballo mediante ferramentas como a formación, información e concienciación. Así mesmo, cómpre lembrar que este ano comezou en abril a nova campaña da Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo, ‘Traballos Saudables 2014-2015’ que trata sobre a ‘Xestión do estres e dos riscos psicosociais no traballo’.
 
O Programa europeo de promoción da saúde nos centros de traballo, liderado polo Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo, ten por obxectivos mellorar a organización e as condicións de traballo, promover a participación activa e fomentar o desenvolvemento individual.
 
O ISSGA, adheríndose a este programa, pretende propiciar que empresas galegas traballen nesta contorna máis aló das súas obrigacións en materia de prevención de riscos laborais.