Venres, Outubro 04, 2013
O ISSGA colaborará co Colexio de Veterinarios para a prevención de riscos laborais e da saúde laboral deste colectivo
- A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, asinou hoxe un convenio de colaboración co Consello Galego de Colexios Veterinarios
- O risco de exposición a axentes biolóxicos deriva do contacto directo con animais ou cos seus fluídos
- O acordo asinado hoxe implica, entre outros obxectivos, o fomento da prevención de riscos laborais ou a realización de estudios epidemiolóxicos relativos a estes traballadores
A Coruña, 4 outubro de 2013.- A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, asinou hoxe un convenio de colaboración co Consello Galego de Colexios Veterinarios para o desenvolvemento de actividades de investigación e información en prevención de riscos laborais e vixilancia da saúde deste colectivo profesional.
Segundo informou a directora do ISSGA, os traballadores das actividades veterinarias “son un colectivo exposto a distintos riscos laborais na súa actividade diaria, asociados tanto á exposición a axentes físicos e químicos como a axentes biolóxicos”. O risco de exposición a axentes biolóxicos deriva do contacto directo con animais ou cos seus fluídos e pode producirse durante a aplicación de tratamentos, manipulación de fluídos e de mostras extraídas para fins diagnósticos e tamén por contacto con instrumental ou materiais contaminados.
Por iso, a asistencia veterinaria pódese incluír entre as actividades que non implican a intención deliberada de manipular axentes biolóxicos ou de utilizalos no traballo, pero poden provocar a exposición dos traballadores a estes axentes.
Quinzá-Torroja aclarou que “un dos principais perigos aos que pode estar exposto o persoal que está en contacto con animais é a posibilidade de contraer unha zonose, enfermidades ou infeccións que se producen nos animais e que se poden transmitir ao ser humano en condicións naturais”.
O acordo asinado hoxe implica o fomento da prevención de riscos laborais; a realización de estudios epidemiolóxicos relativos a estes traballadores, en relación aos riscos inherentes ao seu posto de traballo, incluíndo a perspectiva de xénero neste abordaxe; a proposición de medidas preventivas e boas prácticas; o intercambio de información en materia de seguridade e saúde laboral; a cooperación e asesoramento mutuo; a elaboración de material divulgativo; e a promoción da actividade investigadora neste eido.