Venres, Febreiro 10, 2012
O ISSGA colabora na publicación de dous libros sobre traballos en altura no sector da construción
A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe na presentación destes libros editados pola Asociación Provincial de empresarios da construción da Coruña (APECCO), en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar.
O ISSGA desenvolve unha campaña sobre as condicións de traballo materiais ou técnicas de equipos relacionados con traballos en altura.
A Coruña, 10 de febreiro de 2012.- A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe na presentación de dous libros editados pola Asociación Provincial de empresarios da construción da Coruña (APECCO) en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar, sobre técnicas relacionadas cos traballos en altura no sector da construción. No acto estiveron presentes máis de 200 persoas.
Segundo explicou Adela Quinzá-Torroja, a colaboración entre a Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Relacións Laborais e o ISSGA, e APECCO, vén desenvolvéndose desde hai anos e reflíctese na elaboración de documentos técnicos, como os que se presentaron neste acto, e a realización de accións formativas como cursos de coordinadores de seguridade e saúde laboral, xornadas técnicas a empresarios da construción e cursos especializados para técnicos e traballadores.
En canto á publicación titulada ‘Equipos de traballo vinculados a riscos graves de caída de altura nas obras de construción’, de José Manuel Blanco Montero e Francisco Javier Nores Quesada, xefe da sección de Seguridade en Construción do Centro ISSGA na Coruña, é a continuación e remate do primeiro tomo publicado hai 4 anos. Trátase dunha publicación de carácter técnico especializado dedicado aos equipos de traballo que poden producir riscos graves de caída de altura nas obras de construción.
Neste segundo tomo analízanse tres tipos de equipos de traballo: as escaleiras, as plataformas auxiliares temporais vinculadas a sistemas de encofrado e as estadas pegadas á fachada. Para cada un deles faise unha análise detallada de diversos aspectos: normativos, criterios de selección e utilización, certificacións, montaxe, control do risco, verificación, mantemento ou subcontratación.
O ‘Manual de Traballos en Altura’ de Juan Carlos Enríquez Echevarría é un compendio práctico e operativo no que se analizan as técnicas de seguridade en altura baseándose na norma técnica, regulamentaria e, sobre todo, na experiencia do traballo real, co obxectivo de fomentar o coñecemento, a seguridade e a transparencia nun mundo tan complexo coma o dos traballos en altura.
Na súa intervención, a directora do ISSGA lembrou que os equipos de traballo vinculados a riscos de caída de altura “son equipos dunha gran transcendencia na sinistralidade laboral grave na construción”. “Equipos de elevación, estadas nos seus diversos tipos e mesmo escaleiras manuais aparecen con frecuencia relacionados con caídas de altura de carácter grave e, en moitos casos, con deficiencias en canto ás súas características técnicas, montaxe e mantemento”, segundo indicou Quinzá-Torroja.
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral vén desenvolvendo unha campaña a través dous seus técnicos habilitados no sector da construción sobre as condicións de traballo materiais ou técnicas de equipos relacionados con traballos en altura, realizando visitas de verificación e requirindo ás empresas a corrección das deficiencias.