Luns, Outubro 05, 2026
O Issga colabora coa Universidade de Vigo e Anfaco na formación especializada en prevención de riscos no sector da conservación dos produtos da pesca
Vigo, 5 de outubro de 2026.
O Issga colabora coa Universidade de Vigo e coa Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos (Anfaco), a través do seu centro tecnolóxico CYTMA, na formación do alumnado do Máster en Ciencia e Tecnoloxía de Conservación de Produtos da Pesca, mediante a impartición de contidos específicos sobre prevención de riscos laborais e saúde laboral.
A participación do Issga nesta formación desenvolveuse os días 2 e 3 de outubro, a cargo de Alfonso Pérez Santiago, xefe do Centro Issga de Pontevedra, que abordou diferentes conceptos relacionados coa prevención de riscos e a protección da saúde no traballo aplicados ao ámbito da industria da conservación dos produtos da pesca e da acuicultura.
Esta colaboración enmárcase na liña de actuación do Issga orientada a achegar o coñecemento técnico e científico en seguridade e saúde laboral ao ámbito universitario, contribuíndo á formación de futuros profesionais e favorecendo a incorporación da prevención como elemento transversal na súa preparación académica.
A participación no máster da Universidade de Vigo permite trasladar este coñecemento preventivo a un sector industrial de especial relevancia en Galicia e reforzar a conexión entre a formación universitaria, a realidade das empresas e a prevención de riscos laborais, contribuíndo á preparación de profesionais con coñecementos específicos tamén neste ámbito.