Martes, Outubro 28, 2025
O ISSGA colabora coa Fundación Laboral da Construción en xornada sobre uso seguro de escaleiras
 
Vigo, 28 de outubro de 2025
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) colabora coa Fundación Laboral da Construción de Galicia (FLC) na celebración dunha xornada técnica centrada na innovación e no uso seguro de escaleiras de man. A actividade, de carácter presencial, está dirixida a profesionais do sector que buscan reforzar a súa preparación en prevención de riscos laborais e en boas prácticas de seguridade en obra.
En representación do ISSGA, Pablo García Fernández presenta a campaña “Non caias da escalda”, unha iniciativa orientada a previr accidentes e promover o uso seguro das escaleiras de man. Durante a xornada combínanse exposicións teóricas e demostracións prácticas, analizándose tamén solucións innovadoras e equipos alternativos, como torres móbiles e plataformas elevadoras.
A xornada constitúe unha oportunidade para que os profesionais do sector actualicen os seus coñecementos, coñezan as últimas novidades normativas e técnicas e reforcen a súa capacidade de implementar medidas preventivas no seu día a día laboral. Ademais, foméntase a colaboración entre o ISSGA e a FLC, consolidando unha estratexia conxunta de seguridade laboral no sector da construción.
As colaboracións do ISSGA en materia de prevención de riscos laborais constitúen un elemento clave do seu plan de actuación, centrado na formación continua, no asesoramento técnico e na difusión de boas prácticas. Estas accións están plenamente aliñadas coa Estratexia de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, reforzando o compromiso do Instituto coa promoción dunha cultura preventiva sólida en todos os sectores produtivos e contribuíndo á mellora continua das condicións de traballo en Galicia.