Novas

Sábado, Novembro 29, 2025

O ISSGA colabora coa Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao

imaxe evento redeiras

Teo, 29 novembro de 2025

O ISSGA participou recentemente nun encontro organizado pola Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, unha entidade coa que mantén unha longa colaboración en proxectos de mellora das condicións laborais deste colectivo, fundamental para o sector pesqueiro galego. A actividade desenvolveuse en coordinación coa Consellería do Mar, reforzando o compromiso conxunto de apoiar ás rederas na súa profesionalización e na defensa da súa saúde.

Nieves Lorenzo Espeso e Adela Quinzá-Torroja abordaron, de maneira clara e práctica, os riscos específicos asociados ao oficio: lesións musculoesqueléticas derivadas de posturas mantidas, movementos repetitivos, manipulación de redes de gran tamaño ou tensións xeradas polo propio material. Ademais, explicaron como identificar cando estas doenzas poden considerarse enfermidades profesionais e os criterios que deben ter en conta tanto o colectivo como o persoal sanitario á hora de documentar sospeitas.

O encontro tamén serviu para analizar o impacto das novas obrigas legais e fiscais no traballo das redeiras, así como para poñer en común as novidades profesionais que a Federación vén impulsando nos últimos meses. A xornada incluíu espazos de diálogo nos que as propias asociadas compartiron experiencias, dificultades e necesidades dun oficio que, mantendo o seu carácter artesanal, evoluciona cara a unha maior visibilidade, recoñecemento e protección social.

Ademais, realizáronse actividades centradas na prevención e coidado da saúde, con formación práctica en técnicas posturais e pautas para reducir a carga física asociada ás tarefas diarias.

Desde o ISSGA reiteramos o noso compromiso coa mellora da saúde laboral das redeiras e co acompañamento continuado á Federación O Peirao, garantindo que este colectivo esencial dispoña da información, os recursos e o apoio necesarios para exercer o seu traballo con maiores garantías.