Martes, Xuño 27, 2023
O ISSGA colabora coa Consellería do Medio Rural na impartición dun curso para a formación de asesores centrado na prevención de riscos laborais nas granxas de gando vacún
- Este módulo enmárcase dentro do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, para a formación de asesores co fin de ofrecer unha mellor atención á cidadanía
- Este curso abordou os principais riscos e medidas preventivas nas explotación de gando vacún
- Impartiuse no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo
Abegondo (A Coruña), 27 de xuño de 2023.- O ISSGA participou nun curso organizado pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, impartindo un módulo sobre prevención de riscos laborais nas explotación de gando vacún.
Neste encontro que tivo lugar hoxe no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), houbo varias charlas formativas orientadas a profesionais da Consellería co obxectivo de ofrecer unha mellor atención á cidadanía.
Este curso está enmarcado dentro do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020. Neste caso, Manuel Gasalla, xefe do centro ISSGA de Lugo, tratou temas relacionados riscos e medidas preventivas relacionados cos lugares e equipos de traballo, así como no manexo de gando vacún, a manipulación de produtos químicos e os trastornos musculoesqueléticos; ademais, tamén se abordou a protección da maternidade, os primeiros auxilios e a vixilancia da saúde.
Como órgano técnico en materia de seguridade e saúde laboral da Administración galega, o ISSGA debe ser referente na difusión do coñecemento en materia preventiva a través da participación institucional en xornadas e outras actividades relacionadas coa prevención de riscos laborais e a seguridade e saúde laboral, tanto de ámbito autonómico como nacional ou internacional.