Novas

Xoves, Outubro 25, 2012

O ISSGA colabora coa autoridade sanitaria para mellorar o coñecemento das patoloxías de orixe laboral

• A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, impartiu hoxe en Vigo a conferencia inaugural da xornada ‘Medicina do Traballo. Reto e Realidade’

• Traballo colabora con Sanidade na vixilancia epidemiolóxica da saúde laboral e dos traballadores expostos ao amianto, entre outras actuacións

• Quinzá-Torroja destacou que tamén se está a colaborar nos casos de sospeita de enfermidade profesional

Vigo, 25 de outubro de 2012.- O Plan de Actividades do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) para este ano inclúe diversas actuacións en colaboración coa autoridade sanitaria encamiñadas a mellorar o coñecemento das pataloxías de orixe laboral e das enfermidades profesionais. Así o destacou hoxe a directora deste organismo, Adela Quinzá-Torroja, na conferencia inaugural que impartiu na xornada ‘Medicina do Traballo. Reto e Realidade’, que está a organizar a Sociedade Galega de Medicina do Traballo (Sogrametra).

Quinzá-Torroja sinalou que o ISSGA está a desenvolver diversas medidas de colaboración coa Consellería de Sanidade para establecer mecanismos concretos de cooperación en catro áreas fundamentais: no intercambio de información relativa a datos de exposición e vixilancia da saúde de traballadores expostos ao amianto; na vixilancia epidemiolóxica da saúde laboral; no asesoramento e asistencia técnica por parte do ISSGA na autorización das condicións sanitarias dos servizos de prevención; e na comunicación das desviacións detectadas polo ISSGA nas actuacións sanitarias dos servizos de prevención.

Así mesmo, a directora do Instituto expuxo que se está a traballar en colaboración con Sanidade nos casos de sospeita de enfermidade profesional para mellorar o recoñecemento e declaración das enfermidades profesionais ou de orixe laboral e os sistemas de información nesta materia. “Estamos a identificar os sectores laborais de maior risco e visualizar enfermidades profesionais en actividades ata agora non presentes e investigar, a solicitude da autoridade sanitaria, as comunicacións de sospeita de enfermidades profesionais”, apuntou Quinzá-Torroja.

Ao respecto, lembrou que a Xunta está a elaborar o mapa de enfermidades profesionais de Galicia para coñecer a evolución temporal da incidencia destas patoloxías e a súa distribución territorial.

Así mesmo, a directora do ISSGA explicou que outras accións do ISSGA encamiñadas a mellorar a saúde laboral no traballo como o análise da sinistralidade laboral en profesións feminizadas o a colaboración con outras comunidades autónomas para mellorar a vixilancia da saúde no sector pesqueiro.

Por último, Quinzá-Torroja fixo referencia ao Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais en Galicia 2011-2014 que está a desenvolver a Xunta, un documento que inclúe, entre outras actividades, a potenciación da formación en materia de prevencións de riscos laborais ou a mellora do nivel do coñecemento, análise e investigación en materia de seguridade e saúde laboral. Outro dos obxectivos deste plan é a formación continua dos profesionais da prevención coa realización de accións formativas dirixidas, entre outros, ao persoal sanitario con responsabilidades en patoloxía laboral. Tamén destacou os programas de redución da sinistralidade que se están a levar a cabo como o destinado para a protección das traballadoras embarazadas ou o dirixido a loitar contra os accidentes por sobreesforzos.