Martes, Maio 12, 2026
O ISSGA celebrou un webinar sobre as novidades na selección de protección ocular segundo a norma EN ISO 16321
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2026.
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) celebrou hoxe a xornada técnica en formato webinar “Novidades na selección de protección ocular e facial. Norma EN ISO 16321”, centrada nos cambios introducidos polo novo estándar europeo de referencia para estes equipos de protección individual.
Durante a sesión abordouse a importancia dunha correcta selección dos equipos de protección ocular e facial fronte a riscos presentes en múltiples actividades laborais, como impactos, radiacións, salpicaduras, po ou gases. Tamén se analizaron as principais novidades da norma EN ISO 16321, que substitúe á EN 166, destacando aspectos como a mellora da adaptación ergonómica, a ampliación da protección fronte ás radiacións e os novos criterios de marcado e certificación.
A xornada tivo un enfoque práctico, mediante a presentación de exemplos reais e ferramentas de apoio á selección dos EPI segundo os riscos presentes nos postos de traballo.
A actividade contou coa participación de Javier Ruiz Pérez e Javier Martínez Barahona, especialistas en risco químico e equipos de protección individual de FREMAP, e estivo dirixida a profesionais da prevención de riscos laborais, responsables de seguridade e saúde laboral e persoas interesadas nesta materia.