Martes, Xuño 22, 2021
O ISSGA celebra un seminario web sobre o impacto na saúde emocional da covid-19 en entornos laborais
- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) traballa así na formación dunha contorna laboral máis saudable e segura, poñendo o foco no coidado da saúde mental
- A actual pandemia non só causou danos físicos e económicos senón tamén en relación ao benestar e o coidado emocional, imprescindibles para unha protección axeitada das persoas traballadoras
- No webinario de hoxe participan 100 persoas asistentes de público e está dirixido a técnicos de prevención de riscos laborais, axentes sociais, empresarios, persoal traballador e demais persoas con interese na materia
Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2021. A pandemia da covid-19 non só ocasiona danos físicos e económicos, senón que tamén provoca malestar emocional e diminución da saúde mental. É por isto que o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) celebra hoxe un seminario web, con ata 100 asistentes de público, enfocado nos coidados e no benestar mental como elementos imprescindibles na mellora da saúde e da comunicación nos lugares de traballo.
Crises sanitarias como a que estamos a vivir ocasionan na poboación, xaora a traballadora, esgotamento, preocupación, falta de sono ou apetito, apatía ou dificultade para a concentración, síntomas dun incremento do estrés laboral e emocional que este webinario, feito en colaboración con Fraternidad-Muprespa, propuxo tratar mediante o entendemento emocional e a identificación desas emocións co fin de aprender delas e procurar o benestar mediante claves como o coidado persoal, o coidado das relacións persoais, a realización de actividades positivas e a regulación e selección da información que se consume nos lugares de traballo.
Este clima de desafíos e novas experiencias vitais, incide o Issga, pode servir para potenciar a nosa visión de nós mesmos coma individuos e como conxunto, acadando modelos de convivencia máis gratificantes e unha maior protección do persoal da empresa.
O goberno Galego traballa así nuns entornos de traballo máis seguros e con máis benestar, neste caso a través da formación online dirixida a persoal traballador, empresarios e demais persoas con interese nun dos temas que esta pandemia puxo de relevo: o coidado da saúde mental como parte da saúde e seguridade no mundo laboral.