Novas

Martes, Outubro 22, 2013

O ISSGA celebra a Semana Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo cunha campaña que inclúe tres xornadas técnicas

  • As xornadas técnicas terán lugar en Lugo, A Coruña e Ourense os días 22, 23 e 25 de outubro respectivamente
  • Abordaranse, entre outros temas, a protección contra explosións, as auditorías na prevención de riscos laborais e a psicosocioloxía e ergonomía en tempos de crise
  • Ao longo desta semana, os 27 estados membros da UE teñen programadas diversas iniciativas locais e rexionais para promover a seguridade e saúde no traballo
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, iniciou a campaña con motivo da Semana Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo que incluirá a celebración de tres xornadas técnicas en Lugo, A Coruña e Ourense.

A Semana Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo está promovida pola Axencia Europea específica neste eido e os seus socios nos 27 Estados membros da UE e noutros países. Desta forma, ao longo desta semana terán lugar en diferentes países múltiples iniciativas locais e rexionais de sindicatos, empresas, administracións e outras entidades co obxectivo de promover a seguridade e saúde no traballo e de apoiar as campañas europeas co propósito de demostrar que a prevención de enfermidades e accidentes no lugar de traballo é unha prioridade principal en Europa.

Estas accións, segundo explicou a directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, son “moi valiosas” para a sensibilización sobre os riscos en materia de seguridade e saúde no traballo.

Por iso, o ISSGA celebrará tres xornadas que versarán sobre diversos contidos. Deste xeito, hoxe celebrarase no centro do ISSGA de Lugo un xornada que estará centrada sobre a guía técnica do Instituto de protección contra explosións con exemplos prácticos. O mércores terá lugar no centro do Instituto da Coruña a xornada sobre as auditorías na prevención de riscos laborais. E, por último, a última xornada será o venres no centro de Ourense sobre psicosocioloxía e ergonomía en tempos de crise, que clausurará a directora do organismo dependente da Consellería de Traballo e Benestar.